10 de set. de 2010

OURENSE

UNHA XORNADA CIENTÍFICA SOBRE TERMALISMO REUNIRÁ EN OURENSE O MARTES A EXPERTOS DE GALICIA E PORTUGAL




Infogauda / Ourense


O Centro Cultural da Deputación de Ourense acollerá o vindeiro martes, 14 de setembro, unha sesión científica denominada “O termalismo en Gallaecia”, que reunirá a expertos de Galicia e do Norte de Portugal, e que servirá de lembranza das famosas xornadas médicas Galaico-portuguesas celebradas en Ourense en setembro do ano 1935.
A xornada, patrocinada pola Deputación de Ourense, foi presentada hoxe no Centro Cultural polo director da entidade, Francisco González, e polo profesor Luis Rodríguez Míguez, coordinación da sesión científica. Está organizada pola Cátedra de Hidroloxía Médica da Real Academia de Medicina. Asemade, colaboran o Colexio Oficial de Médicos de Ourense e as asociacións de balnearios de Galicia e Portugal.

O programa da sesión científica inclúe tres relatorios sobre “Termalismo e saúde”, “O termalismo en Galicia cara ao século XXI” e “O termalismo en Portugal: do pasado ao futuro”, que serán impartidos, respectivamente, polos profesores Juan Jesús Gestal Otero, Luis Rodríguez Míguez e Federico Teixeira.

Tamén haberá unha mesa redonda sobre termalismo, na que participarán o profesor Pedro Araújo, decano da Facultade de Ciencias do Campus de Ourense; o doutor Joaquín Farnós, presidente da Sociedade Española de Talasoterapia; o doutor Rafael Tojo, académico numerario, e José Manuel Rodríguez, xerente do Inorde. Os temas específicos que se abordarán na mesa redonda van dende a xeoloxía e as augas minero-medicinais ata a talasoterapia, as augas envasadas, a dieta atlántica e o termalismo e a dermoestética.

Como remate da sesión científica, o profesor José Ignacio Carro Otero, presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, impartirá un relatorio de clausura sobre “Evocación e lembranza das xornadas médicas galaico-portuguesas. Ourense, 1935”.

A sesión, gratuíta e aberta a todo o público, desenvolverase no salón de actos de Centro Cultural da Deputación de Ourense, e comezará ás 17.00 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario