10 de set. de 2010

OURENSE

A MÚSICA CORAL INTERNACIONAL, PROTAGONISTA ESTE ANO NO FESTIVAL AURIA CANTA



Infogauda / Ourense


As músicas corais do mundo serán as protagonistas este ano na 9ª edición do Festival Internacional de Música e Canto Coral Auria Canta, que organiza a coral “Auria Canta” co patrocinio da Deputación de Ourense. O festival terá lugar entre os días 10 ao 24 de setembro en Ourense, Barbadás, Xunqueira de Ambía, Celanova, Toén e Allariz.
A presentación do festival tivo lugar hoxe no Centro Cultural da Deputación de Ourense coa presenza do director do Centro Cultural, Francisco González; a directora de “Auria Canta”, María del Carmen González, e a concelleira de Cutlura do Concello de Ourense, Isabel Pérez.

Francisco González dixo que para a Deputación é unha satisfacción apoiar e promover este festival de música coral a tradicional “porque é unha mostra das nosas raíces, e permite seguir mantendo viva a nosa cultura musical, á vez que combina e enriquece a nosa cultura coas músicas que nos chegan doutros lugares do mundo”. Pola súa banda, María del Carmen González agradeceu o apoio das institucións que colaboran no festival, “o que nos permite estar xa na novena edición dun festival consolidado, e que permite achegar a Ourense outras culturas tradicionais no eido da música coral, e tamén comprobar a boa saúde das moitas agrupacións corais que temos na nosa provincia”.

A programación comeza mañá sábado, 11 de setembro, ás 20.30 horas, coa mostra de corais galegas, na que actuarán a Coral Polifónica Auria Canta, de Ourense; a Coral Abrente, da Pobra do Caramiñal, e o Coro de Cámara Thalassa de Marín. O día 17 de setembro, ás 20.30 horas, terán lugar dous concertos de música coral: na Casa da Cultura de Barbadás, a cargo da Coral Appassionata, de Rumanía, e no Mosteiro de Celanova, a cargo da Coral Lola, de Serbia.

O día 18 de setembro, ás 19.00 horas, celebrarase a Mostra Internacional de Corais, que comezará cunha misa na Igrexa de Santa Eufemia, de Ourense, coa participación das corais Appassionata, Lola, Auria Canta e co Orfeao de Paços de Ferreira (Portugal), e o posterior concerto no Auditorio de Ourense, ás 21.00 horas.

O día 19 de setembro, ás 12.00 horas, proseguirá a programación do festival con senllas misas e concertos en Xunqueira de Ambía e Toén, para rematar as actuacións o día 24 de setembro, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura de Barbadás cun concerto denominado “A voz nas agrupacións musicais de Ourense, no que participarán as cantareiras de Queixumes dos Pinos, a Rondalla dos Afiadores, a Agrupación Cultural Breogán, de San Pedro de Moreiras, e Cantares do Miño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario