20 de set. de 2010

OURENSE

A DEPUTACIÓN DE OURENSE COMPILA E DIXITALIZA O ARQUIVO DOCUMENTAL DO DIRIXENTE COMUNISTA SANTIAGO ÁLVAREZ


Infogauda / Ourense
A Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do arquivo dixitalizado do líder comunista galego Santiago Álvarez. O acto contou coa presenza do presidente da institución provincial, José Luis Baltar; a viúva de Santiago Álvarez e o seu fillo; membros da Fundación 10 de Marzo e persoeiros ligados ao Partido Comunista en Galicia, como Manuel Peña Rey.
O traballo de compilación e dixitalización do arquivo de Santiago Álvarez foi realizado na Biblioteca da Deputación de Ourense, coordinado por Isabel Almuiña e dirixido por Enrique Bande. O labor de compilación prolongouse por espazo dun ano e medio, tempo que se empregou para clasificar, organizar e dixitalizar todo o material deste político e investigador valdeorrés.
En concreto, o legado está composto por máis de 15.000 documentos que permiten coñecer a traxectoria vital, profesional e intelectiaul do dirixente comunista Santiago Álvarez. No que atinxe aos documentos biográficos figura material sobre a súa vida política na época da Guerra Civil, pasando polos anos de prisión ata a súa actividade política en América Latina.
A documentación tamén inclúe escritos do ámbito cultural, social e político; cartas persoais; documentos do Partido Comunista, do Movemento Obreiro e da transición española, así como diverso material da vida política en Galicia.
Ricardo Gurriarán, membro da Fundación 10 de Marzo, receptora do legado dixitalizado, agradeceu á Deputación e a José Luis Baltar “que permitise co este labor abrir unha porta aos investigadores para que poidan afondar na nosa historia a través dos documentos de Santiago Álvarez”.
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense dixo que os fondos documentais dos particulares “son unha fonte histórica extraordinaria para a reconstrución do noso pasado, e foi precisamente ese interese o que motivou á Deputación de Ourense a facer este esforzo e colaborar coa Fundación 10 de Marzo para poder ofrecerlle á sociedade o fonde documental de Santiago Álvarez perfectamente clasificado e organizado”.
Finalmente, Carlos Álvarez, fillo do líder comunista, dixo que o seu pai foi un valdeorrés, un ourensán e un galego convencido, “pero tamén foi un universalista, e estaría encantado de ver como o seu traballo e esforzo de toda unha vida ten continuidade na man dos investigadores”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario