20 de set. de 2010

OURENSE

A DEPUTACIÓN DE OURENSE COLABORA NA I CARREIRA POPULAR “CASA DA XUVENTUDE”

Infogauda / Ourense
A Deputación Provincial de Ourense colabora na I Carreira Popular “Casa da Xuventude”, que terá lugar o vindeiro domingo, 26 de setembro, no Campus universitario de Ourense. No acto de presentación da proba deportiva estivo presente o vicepresidente 2º da Deputación, Moisés Blanco, quen destacou que a Deputación de Ourense “cre firmemente no deporte, porque unha sociedade vencellada á práctica deportiva é unha sociedade con boa saúde, unha sociedade que comparte, que se esforza, que fixa as súas metas para acadalas con garantías e ilusión”.
Moisés Blanco felicitou ao clube deportivo da Casa da Xuventude, na súa sección de atletismo, de recente creación, e animouno a continuar neta liña de apoio ao deporte, “porque é moi importante o labor que todos os clubes desempeñan no fomento da práctica deportiva e porque ademais de darlle a oportunidade a aquelas persoas que queiran competir, propician que miles de persoas en toda a provincia se divirtan dunha forma saudable”.
A carreira popular terá as categorías de pre-benxamín e benxamín, alevín e infantil, cadete e absoluta. Haberá dous percorridos, un de 800 metros e outro de 2.900 metros, que percorrerán zonas do Campus universitario, A Lonia e Velle. Haberá premios para os tres primeiros clasificados absolutos, en categoría masculina e feminina, e medallas para os tres primeiros clasificados das demais categorías.

Ningún comentario:

Publicar un comentario