26 de xul. de 2010

PONTEVEDRA


A DEPUTACIÓN DA UN NOVO IMPULSO Á RUTA DO VIÑO DAS RÍAS BAIXAS CUN PROTOCOLO DE COLABORACIÓN DE MÁIS DE 750.000 EUROS DESTINADO A MELLORAR E A FOMENTAR O COÑECEMENTO DA RUTA




O protocolo asinouse entre a Deputación, Xunta de Galicia, Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas e Asociación da Ruta do Viño das Rías Baixas







Infogauda / Pontevedra




O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o presidente da Asociación Ruta do Viño das Rías Baixas, José Ramón Meiriño, asinaron hoxe no Pazo provincial un protocolo de colaboración para potenciar a Ruta do Viño das Rías Baixas. Con este acordo se quere dar un novo impulso á citada ruta, neste caso concentrando os esforzos no Salnés e no Rosal, dúas zonas cun inmenso potencial.
Este convenio en prol do viño Albariño terá unha duración de tres anos (dende o 2011 ó 2013) e o presuposto total do mesmo ascende a máis de 750.000 euros. O seu obxectivo principal é fomentar o coñecemento dos viños amparados pola Denominación de Orixe Rías Baixas e integrantes desta ruta, tanto entre as Institucións e consumidores en xeneral como entre os turistas chegados á provincia de Pontevedra en particular.
O proxecto será financiado entre a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas e a Asociación da Ruta do Viño das Rías Baixas. As contías aportadas por cada organismo no transcurso dos anos 2011-2013 ascenden a: 190.000 euros, 380.000 euros, 24.000 euros e 137.500 euros, respectivamente.
O presidente provincial sinalou que «este acordo non é un gasto senón unha inversión produtiva», «xa que se trata dun apoio clave a un sector importantísimo na provincia como é o sector do viño onde están implicadas máis de 7.000 familias e máis de 200 bodegas».


A Ruta do Viño das Rías Baixas
A Ruta do Viño de Rías Baixas está integrada dentro da Ruta do Viño de España. Conta con moita tradición posto que foi a primeira ruta certificada a nivel nacional e participou en moitos proxectos con outras rutas con Turespaña e con ACEVIN (Asociación Española de Cidades del Vino). Esta ruta, que abarca todos os municipios de denominación de Orixe Rías Baixas, conta entre os seus asociados con concellos, adegas, empresas de servizos, hoteis, restaurantes, etc.
Esta ruta foi creada en 1996, adiantándose ó enoturismo tan en boga hoxe en día. Todo o traballo que se ven facendo dende entón comeza agora a dar os seus froitos, de xeito que a Denominación de Orixe Rías Baixas converteuse nunha excepción á situación xeral de crise é non está a sufrir recesión algunha.

Ningún comentario:

Publicar un comentario