NITO CONTRERAS TRAE AO CENTRO CULTURAL “UNHA OBRA PENSADA PARA ESTE ESPAZO, MILÍMETRO A MILÍMETRO”

Infogauda/ Ourense
Anacos de tempo atrapados en obras de arte para reflexionar sobre o proceso de creación da escultura, así podería definirse a exposición do artista Nito Contreras que hoxe se inaugura no Centro Cultural da Deputación de Ourense, co título “A paisaxe en fragmentos”. É a primeira vez que este creador, natural de Cartelle, expón en Ourense, e quixo que fose nestas emblemáticas instalacións porque, na súa opinión, “o espazo é o que reclama as obras de arte e nunca ao revés; e aquí no Centro Cultural estamos nun marco inmellorable”.
A extensa traxectoria profesional de Nito Contreras glosouna o director do Centro Cultural, Francisco González, quen dixo do artista que Italia foi o seu berce de acollida para a súa formación no mundo do arte. “Logo de expoñer en importantes galerías e salas de todo o mundo, Nito Contreras quixo que a súa primeira exposición en Ourense fose no Centro Cultural, e nós, no nome de Ourense e de todos os ourensáns, agradecémoslle este detalle, estamos encantados co resultado da mostra, e se algo hai que destacar é o intenso traballo que Nito desenvolveu ao longo de dous anos para preparar esta exposición, porque está pensada milímetro a milímetro para este espazo”.
Pola súa banda, o autor explicou no acto de presentación do catálogo que o significado da exposición “quere representar un percorrido a través da historia do arte, para que o espectador poida crear unha paisaxe imaxinaria que vai compoñendo na súa imaxinación”. Contreras afirma que para entender unha obra de arte abonda con fixarse nas liñas, na luz, no volume e na materia, “con estes elementos seremos capaces de entender o que o artista quere dicir, ou aló menos, interpretalo adaptándoo ao noso maxín”.
A exposición, que se inaugura hoxe xoves, ás 20.30 horas e que se exhibirá ata o vindeiro 8 de agosto, está composta por 90 obras elaboradas con ceras, cobre, aluminio, latón e chumbo, materiais que o artista modela en mestura para lograr unha perfecta conxunción harmónica de formas e volumes.
O acto de inauguración desta tarde contará coa presenza do director xeral de Promoción Cultural da Xunta de Galicia, Francisco López Barxas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario