19 de xul. de 2010

A GUARDA

O BNG DENUNCIA DEFICIENCIAS NA SENDA LITORAL





Infogauda / A Guarda



O portavoz municipal do BNG, Xan Lois Lomba, denuncia a existencia de deficiencias na Senda litoral así como a falta de compromisos cos veciños e veciñas de da rúa Fernández Albor.

O concelleiro nacionalista advirte que a recentemente inaugurada Senda litoral, ten unha serie de deficiencias: a rotonda de Sta. Catalina ten un radio de xiro totalmente insuficiente que obriga a coches, furgonetas a manobrar repetidamente para poder dar volta na mesma, algo que xa se advertiu no seu momento. Tamén hai zonas nas que non existen acesos á lugares tradicionalmente utilizados para o baño, unha total inexistencia de papeleiras en todo o trazado sendo significativo no tramo urbano da rúa Fernández Albor, tampouco se tomaron medidas para a eliminación do seto existente que, segundo teñen denunciado os veciños, son un foco de infección e un niño de ratas, sen esquecer a falta de sentido duplo que desconxestione o Porto da Guarda, …

Dende o BNG critícase a ausencia total do galego na sinalética da Senda, sendo totalmente en español, algo inaudito e que agocha a falta de compromiso por parte do goberno socialista de promoción e defensa do galego ante as agresións que está a sufrir, máxime cando o ministerio que realiza as obras está dirixida por unha ministra de orixe galega.

Para o BNG a falta de sensibilidade que leva amosando o Goberno municipal e central co pobo da Guarda e cos veciños e veciñas de Fernández Albor, queda reflectido no cambio de itinerario programado na inauguración, onde se eliminou a última hora o paseo que as autoridades tiñan previsto realizar até o porto da Guarda, quizais para non enfrontarse co descontento dos veciños e veciñas desta rúa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario