Hoxe presentouse o catálogo do traballo de Manuel Bouzo, que recolle o proceso de montaxe da súa obra e as reflexións do artista.
Infogauda / Ourense
Manuel Bouzo preme o interruptor corporal máis potente do ser humano: o desexo. Na obra que expón no Centro Cultural da Deputación ata o vindeiro 30 de maio, o artista rende homenaxe a o desexo a través dos obxectos máis cotiás e doutras formas artísticas que representan entre todas as “Cinzas do desexo”, nome que da título ao catálogo da exposición, que hoxe se presentou.O director do Centro Cultural, Francisco González, dixo que normalmente os catálogos se presentan ao comezo das exposicións, “pero nesta ocasión faise ao remate, co cal supuxo un traballo extra para o artista, os fotógrafos, maquetadores e editores, porque tratábase de recrear paso a paso a inmediatez e o proceso de montaxe, no que participou o propio Bouzo, tanto fisicamente como a distancia, dende Madrid, a cidade onde reside”. Francisco González afirma que os catálogos “é o que perdura para a posteridade dunha exposición, de aí a importancia de que o resultado final sexa fiel reflexo da obra exposta. Dende logo, teño que dicir que o resultado e moi satisfactorio, porque esta exposición dignifica ao Centro Cultural e fornece a oferta cultura de Ourense”.Pola súa banda, Manuel Bouzo, agradeceu a colaboración e apoio que en todo momento lle deu a Deputación de Ourense e o Centro Cultural, e afirmou que tiña “a necesidade” de volver expoñer en Ourense, aínda que esta é a primeira vez que o fai nun espazo tan amplo. A obra de Bouzo é cualificada por Xosé Manuel Lens como “un intento de narrar a memoria, os lugares e os escenario da lembranza, porque a nosa memoria pode presentar moitas formas. Manuel Bouzo constrúe unha sucesión de encontros, que se converten en cinzas de desexo que pretende activar, golpear as pernas e os ollos dos visitantes”. A exposición de Manuel Bouzo chega nun momento de plena madurez creativa do artista, e articúlase ao redor do desexo como impulso que move o mundo, un desexo que podemos ver materializado no Centro Cultural nesta fermosa mostra de arte.

Ningún comentario:
Publicar un comentario