14 de maio de 2010

OURENSE

FELIPE SENÉN REIVINDICA A OURENSE COMO A CAPITAL DA AUGA E DA CULTURA

O historiador carballinés presentou hoxe o seu libro "A auga e as fontes en Galiza", editado pola Deputación de Ourense.

Infogauda / Ourense


O historiador e etnógrafo carballinés, Felipe Senén López, presentou hoxe na Deputación de Ourense o libro "A auga e as fontes en Galiza" editado polo Servizo de Publicacións da institución provincial. No acto, que contou coa presenza do presidente da Deputación, José Luis Baltar; de representantes do Centro de Estudos "Chamoso Lamas", e da responsable de Publicacións da Deputación, Ana Malingre, o autor reivindicou a Ourense como a "capital da auga e da cultura", afirmando que o líquido elemento "ocupa o punto central da nosa historia, e iso, xunto coa nosa tradición cultural fai que teñamos un "aura de Auriense" que constitúe a nosa personalidade ourensá que non debemos perder". Nesta mes liña, José Luis Baltar dixo que o traballo etnográfico que Felipe Senén leva facendo ao longo da súa vida profesional "un referente para os que amamos esta terra, porque representa e reivindica constantemente o ourensanismo, e iso significa levar con orgullo alá­ onde vaia o nome da nosa provincia". Baltar agradeceu tamén o traballo que desenvolve o Centro de Estudos "Chamoso Lamas", da man de Xosé Luis Sobrado, Francisco Fumega e Rosa Ricoi pola recuperación etnográfica, a literatura e a cultura, "e proba delo foi o interese amosado en publicar esta obra, que a Deputación de Ourense non podí­a deixar inédita".
O traballo hoxe presentado tivo a súa orixe no ano 1986, cando Felipe Senén foi nomeado membro da Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario. Daquela, Felipe Senén fixo, con motivo do seu ingreso, un traballo titulado "A auga e as fontes de Galiza", que foi lido en dito acto. Sen embargo, o documento quedou no esquecemento, como todo o que se transmite de xeito oral e non se plasma por escrito e polo tanto, somente uns poucos que se atopaban alí­ tiveron a posibilidade de coñecelo. Por este motivo, membros do Centro de Estudos Manuel Chamoso Lamas pensaron que a obra merecía ser publicada e por elo presentárolla á Deputación de Ourense, que no seu constante apoio ao Ámbito cultural decidiu levar adiante a publicación da obra.
Senén dirixe o Servicio de Cultura na Deputación da Coruña, e constitúe un claro exemplo de traballador pola cultura de Ourense, participando en moitas das iniciativas culturais relacionadas coa comarca do Carballiño, a súa terra natal. Licenciado en Historia da Arte, foi director do Museo Arqueolóxico da Coruña. Dende 1996 é técnico de Xestión Cultural e Museólogo da Deputación da Coruña, ademais de membro numerario da Real Academia Galega de Belas Artes e do Instituto J. Cornide de Estudos Coruñeses. Pertence ao Instituto Pai Sarmiento de Estudos Galegos e á Comisión de Patrimonio Cultural do Consello da Cultura Galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario