CONVENIO PARA A XESTIÓN DA AUGA POTABLE, ENTRE A DEPUTACIÓN DE OURENSE E OS CONCELLOS

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe a elaboración dun convenio marco entre a institución provincial e os concellos da provincia que queiran adherirse ao mesmo, para prestar asistencia técnica en materia de xestión de concesións de abastecementos de auga potable.
Infogauda / Ourense
O convenio contempla que a Deputación de Ourense prestará ás entidades locais a asistencia necesaria para xestionar a tramitación integral ante o organismo de cunca competente, das concesións para o abastecemento de auga potable ás poboacións. O servizo abranguerá a toma de datos e traballo de campo realizado por un técnico de produción, a elaboración do plano descritivo das captacións, realizado por un técnico delineante, e a redacción da memoria técnica. Así mesmo a Deputación realizará o análise de caracterización de acordo cos parámetros solicitados pola autoridade sanitaria para o informe de idoneidade.O servizo será prestado pola Deputación de Ourense por medio da entidade “Aquaourense”, Sociedade Provincial de Augas e Medio Ambiente, S.A., sociedade de capital mixto participada pola Deputación provincial, na súa condición de concesionaria do servizo provincial de asistencia e cooperación con entidades locais en materia de servizos relacionados co ciclo hidráulico e medio ambiente.En contraprestación polos servizos prestados, a Deputación de Ourense percibirá un prezo público por importe de 517,24 euros pola xestión de cada expediente de concesión de abastecemento de auga potable. Para a adhesión ao convenio, os concellos interesados deberán remitir á Deputación o correspondente documento que acredite o acto administrativo de adhesión, adoptado polo órgano competente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario