9 de abr. de 2010

OURENSE

EXPERTOS EN MEDIO AMBIENTE REÚNENSE EN OURENSE PARA ANALIZAR O DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE DE GALICIA

Infogauda / Ourense

Analizar as mellores estratexias para o desenvolvemento sostible de Galicia é o obxectivo do III Congreso Galego de Medio Ambiente e Saúde, que se celebrará no Centro Cultural da Deputación de Ourense do 12 ao 16 de abril. Ourense convértese así no referente medioambiental de Galicia coa celebración deste importante evento, que reunirá a relatores de prestixio internacional no eido medioambiental o que fará que a capital ourensá acolla o eve nto máis importante da súa historia no que atinxe ao ámbito do medio ambiente.
O congreso será inaugurado polo vicepresidente do Parlamento de Galicia, Manuel Baltar Blanco, o vindeiro luns, ás 10.00 horas, no Centro Cultural da Deputación de Ourense. Ao longo de catro días desenvolveranse conferencias, debates e sesións que teñen como finalidade trazar as liñas estratéxicas que contribúan ao desenvolvemento sostible de Galicia e melloren a xestión nos aspectos medioambientais da saúde dos seus municipios e con elo, as condicións de vida dos cidadáns.
“É moi importante ter en conta o peso específico que ten o medio ambiente como xerador de actividades capaces de producir emprego, renda, saúde e benestar na poboación, ademais de apoiar a formación e a reciclaxe de técnicos e medio ambiente e saúde, e propiciar a participación de todos os axentes sociais”, dixo o profesor Francisco Peña, responsable do congreso.
A Deputación de Ourense ven traballando no eido medioambiental facendo especial fincapé na xestión de augas e residuos para dar servizo especialmente aos pequenos concellos. O negociado de Formación da Deputación de Ourense será o encargado de realizar os traballos de Secretaría técnica do congreso, á cal deben dirixirse os interesados en inscribirse no congreso. Numerosas web do ámbito medioambiental recollen o programa do congreso, así como a Obra Social de Caixa Galicia, co-patrocinador do evento.
Entre os temas que se abordarán no congreso figuran mesas de debate sobre “O modelo enerxético sostible”, “O patrimonio natural, forestal e mariño de Galicia”, “Os plans de actuacións da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e de Augas de Galicia”, “A protección e mellora da calidade das augas”, “A xestión integral de residuos en Galicia”, “A empresa ante o reto medioambiental do século XXI”, e a “Posta en común sobre a xestión ambiental nas catro provincias galegas”. A conferencia de inauguración sobre “Novos retos na loita do cambio climático” estará a cargo do profesor Ignacio Elorrieta, mentres que a conferencia de clausura, que abordará a temática “A paisaxe galega: un recurso socioeconómico para o desenvolvemento local” será impartida polo profesor Domingo Gómez Orea.

Ningún comentario:

Publicar un comentario