PLAN E: CARTOS PARA A GUARDA? (primeira parte)

O segundo Plan E está case en marcha. Haberemos aprendido dos erros cometidos no primeiro? Sabemos que o principal obxectivo deste plan, como o seu nome o indica, é o Estímulo da Economía e o Emprego, para o cal, se crea un Fondo para Entidades Locais, ou o que é o mesmo, intentar reactivar con fondos públicos (diñeiro de todos nós), a economía dos concellos e baixar a súa taxa de paro. Ata aí todo moi bonito, pero polo menos na Guarda, estes fins non se cumpriron, salvo que, como reactivación económica se entenda a contratación de todas ou case todas as obras por parte da mesma empresa. Tanta casualidade á hora de gañar licitacións, chámase ter moita fe e crer nos milagres, ou ser amigo dos que elixen. Pero o máis preocupante, por non dicir indignante é que se contrate xente pero non da Guarda.
Cantos traballadores da construción do noso pobo que estaban no paro foron contratados para estas obras? Ou é que o diñeiro que vén destinado a axudar á economía dos guardeses se vai na contratación de xente doutros concellos, traspasa a fronteira ou se outorga co carné do PSOE?
Será posible que a ningunha das eminentes xenialidades que temos gozando de maioría absoluta no noso concello se lles ocorrese propoñer entre as bases de contratación que houbese que contratar xente desempregada do noso pobo?
O concelleiro de Vías e Obras non sabe nada do tema, ou é mellor saber e mirar para outro lado, claro como el non está no paro senón PARADO?
En fin, se xa se lles ocorreu poñer en práctica esta adecuación para o Zapateiro II, veremos un gran cambio nas nosas autoridades locais, o que sería sorprendente, pero nos enchería de alegría xa que sería en beneficio de todos.
Se non é así, porqué non levalo á práctica?
Señores concelleiros, os cartos do Plan E, veñen para A Guarda e os guardeses, e é a vosa obriga legal e moral velar porque así sexa...
ZZZ...MOSQUITO CAPÓN
ZZZ...MOSQUITO CAPÓN
Ningún comentario:
Publicar un comentario