19 de abr. de 2010

NIGRÁN



O PP provincial condena o ataque sufrido esta madrugada na sede popular, incendiada con cócteles molotov
Louzán visita a sede de Nigrán e lembra que a “violencia nunca poderá coas ideas”

· Rafael Louzán, acompañado do vicepresidente provincial do PP, José Manuel Figueroa, e do presidente local, Alberto Valverde, fará esta tarde unha valoración dos danos ocasionados na sede

· O líder provincial salientou que o máis importante “é que non se teñan producido danos a persoas”, máxime se temos en conta que a sede se atopa no baixo dun edificio de vivendas que, “por sorte, non se viron afectadas”

Partido Popular / Nigrán
O PP provincial de Pontevedra condena o ataque sufrido esta madrugada na súa sede local de Nigrán, onde uns descoñecidos romperon a cristaleira e lanzaron un cóctel molotov que incendiou o local, provocando danos materiais.

O presidente provincial, Rafael Louzán, incidiu en que este tipo de accións, “lonxe de acovardarnos, dannos máis razóns para seguir traballando intensamente na defensa do país”.

Nesta liña, amosouse preocupado polo feito de que nunha comunidade como Galicia existan persoas que aínda non asumiron que “a violencia nunca poderá coas ideas” e que “nin sequera valoran os posibles danos que as súas accións poden ocasionar a outras persoas”.

De feito, para o líder provincial o máis preocupante do ataque non é que se fixese contra unha sede do partido, senón que afectase a un edificio no que residen varias familias. Louzán incidiu en que “o máis importante é que non se teñan producido danos a persoas, dado que o incendio non chegou a afectar ás vivendas situadas nas plantas altas”.

O presidente provincial visitará esta tarde a sede afectada, acompañado do vicepresidente, José Manuel Figueroa, e do presidente local, Alberto Valverde, para facer unha primeira avaliación dos danos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario