20 de abr. de 2010

GONDOMAR



É o segundo atentado contra unha sede do PP en menos de 24 horas, despois da acción similar sufrida onte na sede de Nigrán

O PP provincial condena o ataque sufrido contra a súa sede de Gondomar e incide en que “os atentados son a voz dos que carecen de razón”

· O presidente provincial do PP en Pontevedra, Rafael Louzán, reiterou que “seguiremos traballando na mesma liña e con máis forza se cabe, porque cremos na defensa lexítima das ideas dos cidadáns”

Partido Popular / Gondomar

O PP provincial de Pontevedra amosou hoxe a súa “máis enérxica condena” ao atentado sufrido esta madrugada na sede de Gondomar, o segundo que se produce en menos de 24 horas contra unha das sedes locais dos populares, despois do rexistrado na madrugada de onte en Nigrán.

O presidente provincial, Rafael Louzán, salientou que “os atentados son a voz dos que carecen de razón”, polo que quixo deixar ben claro que os populares “seguiremos coa mesma liña e con máis forza se cabe, porque cremos na defensa lexítima das ideas dos cidadáns”.

Para o líder do PP provincial, contra os que actúan desde a violencia e a sinrazón, só cabe responder con máis traballo e máis empeño na defensa dunha sociedade libre e democrática.

Louzán reitera a súa “condena a este tipo de ataques que atentan contra a liberdade de expresión” e espera que todas as forzas políticas se sumen a este rexeitamento da violencia.

Así mesmo, o presidente provincial comentou as dificultades que o partido ten á hora de alugar locais nos baixos dos edificios, xa que na maioría dos casos teñen vivendas nas plantas superiores, o que dificulta seriamente a localización das sedes locais. Louzán comentou a importancia das sedes locais en todos os concellos da provincia e incidiu en que, desde a súa chegada á presidencia provincial desta formación, dotar a todas e cada unha das agrupacións locais dos populares dun lugar de traballo foi unha das súas principais apostas.

De feito, neste tempo pasouse de 27 a máis de corenta sedes abertas e o obxectivo e conseguir implantala nos 62 municipios da provincia.

CÓCTEL MOLOTOV

O atentado contra a sede de Gondomar produciuse de forma similar ao rexistrado en Nigrán, dado que os asaltantes romperon tamén a cristaleira exterior para introducir nas oficinas un artefacto incendiario que, neste caso, non ocasionou ningún dano debido a que na área onde caeu non había ningún material susceptible de incendiarse.

Ademais, os autores do asalto lanzaron un segundo cóctel molotov no exterior do local, que tampouco ocasionou danos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario