18 de abr. de 2010

GALICIA

A Xunta pide explicacións ao Ministerio do Medio Mariño do trato dado aos mariñeiros españois retidos en Mauritania



Infogauda / Galicia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, remitiu unha carta á ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, pedindo explicacións sobre a “evidente deixadez” mantida con respecto aos tripulantes dos buques galegos “Lameiro Uno” e Loremar” retidos a semana pasada en Mauritania.
Tras poñerse en contacto co sector, as tripulacións e os seus familiares e logo de promover un encontro entre o xerente da Cooperativa de Armadores de Marín, Francisco Teijeira, e maila presidenta da Comisión Europea de Pesca, Carmen Fraga, xa a pasada semana, o departamento que dirixe Rosa Quintana remitiu unha misiva na que lle traslada á ministra que a información remitida sobre estes feitos dende o Ministerio á Xunta de Galicia foi totalmente escasa.
A carta manifesta a preocupación do Executivo galego pola situación dos buques españois que faenan en augas de Mauritania e pola indefinición e inseguridade manifestados polo sector. Neste sentido alude en concreto aos expedientes abertos contra o “Lameiro Uno” e mailo “Loremar” por discrepancias na interpretación dos termos do acordo entre a Unión Europea e mais Mauritania.
A carta cualifica a actitude mantida polo Ministerio con relación a este caso como “de desidia” xa que aos tripulantes “chegóuselles incluso a negar o acceso abordo de buques propiedade do Ministerio, o que supuxo un impedimento para reunírense nun espacio de titularidade española”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario