DOUS COLEXIOS DE TUI PERCORREN HOXE O TRAMO DO CAMIÑO DE SANTIAGO VALENÇA-PORRIÑO DENTRO DO PROGRAMA DE PEREGRINACIÓN DA DEPUTACIÓN “CAMIÑA CON NÓS”
Infogauda / Tui
O IES Francisco Sánchez e o CPR Santa María (Maristas) son os dous colexios de Tui que se uniron neste caso ó programa organizado pola entidade provincial
Alumnos do IES Francisco Sánchez e do CPR Santa María (Maristas), ambos centros educativos de Tui, percorreron hoxe en peregrinación o tramo do Camiño Portugués a Santiago que vai de Valença a Porriño. Esta actividade se enmarca dentro do programa “Camiña con nós”, patrocinado pola Deputación de Pontevedra, có que a entidade provincial se suma á celebración do Ano Xacobeo. Á esta actividade sumaranse en total preto de 8.000 rapaces de 3º e 4º de E.S.O. da provincia de Pontevedra.
O número de alumnos que hoxe participaron na peregrinación ascende a 63 (38 do IES Francisco Sánchez e 25 de Maristas), acompañados en todo momento por 5 profesores. A actividade deu comezo ás 9:00 horas da mañá nos respectivos centros de ensino, onde un autobús recolleu os rapaces para levalos ata Valença, lugar de inicio da actividade. Os mozos e mozas percorreron ó longo da mañá o tramo do Camiño de Santiago que vai dende a cidade portuguesa ata o municipio de Porriño. A mediodía o xantar organizouse no Pazo da Cultura, en Pontevedra. Xa pola tarde, foi o momento da visita guiada, neste caso ó Castelo de Soutomaior que mañá abrirá as portas da súa exposición permanente. O regreso ós centro educativos foi preto das 19:00 horas.
O programa “Camiña con nós”
Este programa, patrocinado pola Deputación de Pontevedra, ten por obxectivo lograr que todos os escolares pontevedreses que o desexen poidan participar na peregrinación xacobea, un dos inequívocos sinais da identidade cultural europea, e tomar contacto coa riqueza natural, patrimonial, cultural e social do Camiño Portugués. Así mesmo, busca que os cativos compartan esta actividade con nenos e nenas doutros centros educativos, experimentando a capacidade para crear lazos de amizade e compañeirismo que posúe esta ancestral ruta.
Desenvolvemento da actividade
A actividade desenvólvese durante unha xornada completa, dividida en dúas sesións distintas. Pola mañá, os diferentes grupos de escolares percorren un tramo do Camiño (cunha dificultade media-baixa) a escoller polo centro educativo entre as seguintes etapas: Valença do Miño-O Porriño, O Porriño-Redondela, Redondela-Pontevedra, Pontevedra-Caldas de Reis, Caldas de Reis-Padrón e Pontecesures-Milladoiro. Xa pola tarde, logo do xantar, os grupos realizan unha visita cultural ó Museo de Pontevedra, ó Castelo de Soutomaior ou a un albergue de peregrinos.
Ademais, “Camiña con nós” pon a disposición de cada grupo un autobús para realizar todos os traslados necesarios dende o centro educativo ata o lugar de saída do tramo escollido, así como un vehículo todoterreo de apoio con auga e botiquín de primeiros auxilios que vai detrás dos grupos durante todo o camiño. Ó rematar a actividade os participantes poden recoller a credencial oficial do peregrino e realizar unha ofrenda co botafumeiro funcionando.
O prezo por participante ofertado pola empresa que resultou seleccionada foi de 24 euros/participante; sendo a aportación da Deputación de 15 €/participante (ata un máximo de 116.375 euros) e a aportación das persoas beneficiarias de 9 €/participante. O valor total da actividade ascende a preto de 186.000 euros e o número de prazas ofertadas a 7.758 .
Ningún comentario:
Publicar un comentario