29 de mar. de 2010

A GUARDA


O Goberno guardés rexeita a moción presentada polo BNG en defensa do Ferri

“Resulta lamentábel que o Sr. Freitas renuncie a exercer de Alcalde da Guarda e asuma ser a correa de transmisión do Goberno central do PSOE”

Xán Lois Lomba Alonso
Portavoz Municipal do BNG / A Guarda


O pasado venres 26 de marzo, o pleno do concello discutiu unha moción presentada polo BNG sobre o ferri A Guarda – Caminha. A moción foi rexeitada polo Alcalde X.M. Freitas e o seu grupo de goberno.

Para o BNG a comunicación fluvial entre a Guarda e Caminha é algo irrenunciábel, sendo o principal atranco que atopa a continuidade do servizo os custos do dragado do río para habilitar a canle de navegación do ferri.

Dende o BNG consideramos que é básico que calquera actuación que se faga no río Miño teña un carácter integral, facendo compatíbel a actividade pesqueira, de suma importancia para a economía local, co mantemento desta vía de comunicación.

Na moción presentada polo BNG solicitábase un compromiso firme e público, por parte do Goberno central, coa continuidade do ferri entre a Guarda e Caminha; o inicio de estudos para a realización dun dragado que faga compatíbel a actividade pesqueira e a comunicación fluvial entre A Guarda e Caminha, incomprensibelmente o grupo de goberno votou en contra cuns argumentos carentes de contido.

O BNG considera que o Alcalde da Guarda, X. M. Freitas, e o seu goberno prefiren primar os intereses de partido aos intereses da Guarda ao votar en contra desta proposta, simplemente para non molestar ao Goberno central, en vez de encabezar as reivindicacións dos veciños e veciñas da Guarda que ven como esta vía de comunicación pode chegar a desaparecer se non se toman medidas para impedilo.

Resulta lamentábel que o Sr. Freitas renuncie a exercer de Alcalde da Guarda e asuma, unha vez máis, ser a correa de transmisión do Goberno central do PSOE. Impedindo un acordo plenario que lle daría respaldo as xestións que como grupo de goberno teñen que facer diante do Goberno central.

Ningún comentario:

Publicar un comentario