3 de mar. de 2010

OURENSE

A DEPUTACIÓN OFRECE UN SERVIZO DE COMPULSA ELECTRÓNICA AOS CIDADÁNS



A Deputación Provincial de Ourense pon a disposición dos cidadáns o Servizo de Compulsa Electrónica. Grazas a este novo sistema é posible realizar compulsas de diversos documentos sen necesidade de presentar copias deles, xa que para o proceso só se utilizan os documentos orixinais.

Infogauda / Ourense
Cando un cidadán desexe realizar unha compulsa unicamente ten que presentarse nun dos servizos da Deputación Provincial de Ourense habilitados para tal efecto e entrega-lo documento orixinal para compulsar. O proceso de compulsa xera un documento no que figura unha lenda con información, como nome e DNI da persoa habilitada para compulsar, día e hora do proceso e un localizador, que é o medio de codificación que garante a unicidade deste. Unha vez finalizado o proceso, o cidadán recibe un arquivo dixitalizado co documento compulsado e, se o solicitase, unha copia impresa deste.Con esta tecnoloxía o cidadán pode consultar e acceder vía internet ós documentos que compulsou na Deputación Provincial de Ourense, validándose co seu DNI ou ben co localizador asignado á súa compulsa. Tódolos documentos compulsados quedan almacenados no sistema informático da Deputación Provincial de Ourense, e quedarán dispoñibles para calquera trámite administrativo nos que fosen necesarios, así como para poñelos a disposición de calquera outra Administración pública que os solicite. A maiores, o sistema conta cunha opción que permite cotexar on-line o documento compulsado e, no suposto de que este fora manipulado, catalógao como falso e indica o lugar exacto da súa modificación.Ás opcións descritas anteriormente pódese acceder a través do portelo electrónico da Deputación Provincial de Ourense, situado no enderezo de internet http://portelo.depourense.es
Ó igual que tódolos servizos desenvolvidos para o fomento da Administración electrónica, a Deputación Provincial de Ourense pon a disposición de tódolos concellos da provincia este sistema de forma gratuíta, ademais de ofrecerlles formación e soporte técnico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario