A DEPUTACIÓN PROMOVE O IV CONGRESO DE PATRIMONIO ETNOGRÁFICO GALEGO

A Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do IV Congreso de Patrimonio Etnográfico Galego que terá lugar na cidade de Ourense entre os días 25 de febreiro e o 1 de marzo. Este ano a temática sobre a que tratarán os relatorios, conferencias e debates será “Os camiños de Santiago: miradas e experiencias”, un tema que segundo dixo o profesor Xosé Manuel Cid, membro do comité organizador, “permitirá darlle ao congreso un carácter internacional, xa que a im portancia que hoxe ten no mundo o Camiño de Santiago chega a todos os continentes, máxime nun ano como o actual, que é Ano Xacobeo”.
Infogauda / Ourense
Cid afirmou que o congreso contará coa presenza de profesores e estudosos nos temas do Camiño, así como con especialistas que traballan no ámbito didáctico na escola e tamén con etnógrafos que falarán das costumes e modos de vida ao longo dos séculos no Camiño de Santiago.Pola súa banda, o presidente da Deputación provincial, José Luis Baltar, dixo que o feito de ser a 4ª edición deste congreso “deixa ben ás claras que estamos ante un congreso consolidado e que lle interesa á xente, ben sexan académicos, estudiantes universitarios ou mesmo cidadáns en xeral, porque a etnografía, a historia e a cultura, e algo que a todos nos atrae, e é a mellor maneira de facer país: conservar o que temos e poñelo e valor”.O programa do congreso comezará o día 25 de febreiro na aula multiusos do Edificio de Ferro do Campus de Ourense cunha mesa redonda sobre “Camiños de Santiago: miradas antropolóxicas”; o día 26 de febreiro no salón de actos do Edificio Polítécnico haberá unha mesa redonda sobre “O Camiño de Santiago a ollos dos educadores”, e unha conferencia sobre “A viticultura no Camiño de Santiago”.O sábado 27 de febreiro haberá unha conferencia sobre “Os Camiños do Sur”, e de seguido haberá dúas excursións: unha para percorrer un tramo da Vía da Prata en Seixalbo, e outra no Bierzo, onde se proxectará un vídeo do Camiño e impartirase unha conferencia sobre “Amigos do Camiño Real”.O domingo 28 de febreiro realizarase un percorrido polo Camiño de Santiago entre o Bierzo e Triacastela, onde os excursionistas estarán acompañados por un guía que falará sobre a flora e a fauna nesa zona da montaña galega. Finalmente o luns 1 de marzo o congreso rematará coa conferencia de clausura a cargo de Carmen Pugliese, quen falará sobre “As mulleres no Camiño de Santiago”.O acto de presentación do congreso, que tivo lugar hoxe na Deputación de Ourense, contou coa presenza, ademais de José Luis Baltar e Xosé Manuel Cid, de Mariló e Xulio Fernández Senra, membros do comité organizador do congreso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario