CCOO continúa a ver eivas no decreto da dependencia e proporá modificalo na mesa do diálogo social
Con motivo da recente publicación no DOG do Decreto 15/2010, Comisións Obreiras realiza unha exhaustiva análise do texto legal

Ante a recente publicación no Diario Oficial de Galicia do Decreto 15/2010 polo que se regulan o recoñecemento da situación de dependencia e as axudas, o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) emitiu unha valoración crítica coa norma.
Sindicato Nacional de Comisions Obreiras de Galicia
Para Comisións, o novo decreto logra «cambios positivos» no sistema de atención, pero continúa tendo «moitos problemas». O principal, que «non é certo» que se reduza de doce a seis meses o tempo para a percepción das prestacións de servizos. Desde a Secretaría de Política Social de CCOO matizan que, segundo o texto, pasarán seis meses ata a notificación do Plan Individual de Atención (PIA), «pero no caso de non existir unha praza en centro público, dá outros tres meses máis, o cal xa nos levaría a nove meses».Por outra banda, o sindicato considera que cando se introduce un novo método para os casos de emerxencia social, «o menos complicado sería que o informe social o fixese o traballador ou traballadora social de referencia da persoa dependente —dos servizos sociais comunitarios ou de saúde—, tendo ese informe a validez suficiente para realizar a tramitación de urxencia».Ademais, a lei estatal di no artigo 27.5 que a avaliación «ten que ser sempre no ambiente da persoa dependente». Por este motivo, CCOO critica que no decreto se diga que ocasionalmente se estimen outros sitios diferentes, o que só valoraría a discapacidade da persoa «e non a dependencia derivada dela». Outra crítica exposta por Comisións é que debería ter un «carácter excepcional» a prestación económica para coidados no ámbito familiar, isto é, deberían ser unha minoría, non como actualmente que representan o 62% das prestacións concedidas.CCOO tamén considera necesaria a eliminación do silencio administrativo negativo no decreto, porque na administración danse moitos casos de atraso —como a propia implantación da lei evidencia— e «non se pode dar lugar a que haxa un silencio administrativo negativo por causas que lle atinxen á Administración». O sindicato critica ademais que a data de inicio do servizo ou libranza «ten que ser inmediata á resolución do PIA». Así, mentres non se lle adxudique á persoa dependente un servizo, esta «debería poder elixir entre unha libranza vinculada ao servizo ou unha axuda no fogar».
Finalmente, no caso de persoas beneficiarias falecidas, CCOO observa varios problemas. En primeiro lugar, o decreto fala de pagar só as prestacións económicas, deixando fóra as persoas —ou os seus familiares— que pagaron pola súa conta un servizo —residencia, centro de día, auxiliar de axuda a domicilio—. Tamén existen moitos casos en que quen coida da persoa dependente non é alguén que pertenza á súa comunidade hereditaria, co que o decreto a exclúe das axudas a que tería dereito. Por último, as persoas beneficiarias de prestación económica «están obrigadas a xustificar os gastos derivados do coidado, pero cando falamos dun coidador no ámbito familiar é imposible xustificar estes gastos».Diálogo socialPor todas estas razóns, Comisións Obreiras considera que o decreto debe modificarse, e proporá cambios na mesa de Políticas de Benestar e Cohesión Social do proceso de diálogo social.
Ningún comentario:
Publicar un comentario