16 de mar. de 2009

ATLETAS GUARDESES NA "I CARRERA DE MONTAÑA ALTO SIL"

A dureza do percorrido queda bén patente nesta imaxe. Premer nela para amplia-la
Perfil da "I Carrera de Montaña Alto Sil"


Grupo de atletas miñotos que participaron na "I Carrera de Montaña Alto Sil"

Manuel Franco, intres antes de darse a saída a proba

Atletas de A Guarda e comarca do Baixo Miño na liña de saída en Santa Cruz del Sil

A imaxe amosa craramente a dureza da proba nada máis darse a saída a mesma

Os atletas de A Guarda codeáronse coa elite nacional desta especialidade









Fotografías: Loli González Enríquez


Infogauda / El Bierzo



Con unha participación de 203 corredores, que tomaron a saída en Santa Cruz del Sil , no concello berciano de Páramo del Sil, onte domingo día 15 de marzo celebrouse a I Carrera de Montaña Alto Sil, orgaizada polo club Tierra Trágame e La Sierra Trek, co patrocinio do concello de Páramo del Sil, a Deputación de León e La Caixa.

Ademáis dunha representación de atletas de A Guarda e comarca do Baixo Miño - entre eles Manuel Franco e súa dona Mª Dolores González Enríquez, Marcos Franco González, Víctor Rolán Pazos, Dioni Ameal Pacheco,... -, compre salientar que entre os atletas máis destacados estivo Mónica Aguilera, do club organizador, que vén de gañar de xeito consecutivo o Maratón del Meridiano, en El Hierro; a carreira Cruce de los Andes (entre Chile y Argentina) e a Transgrancanaria.

Asemade en categoría femenina estivo Nerea Martínez, do Salomon Santiveri, experta en raids de aventura e que o ano pasado foi 2ª no Maratón Alpino Madrileño; a Subida o Benzúa; o Pico del Águila ou o Maratón Alpino Jarapalos.

Entre os varóns, compre salientar o madrileño Aurelio Olivar, do Tierra Trágame, que tamén gañou este año a Maratón del Meridiano en El Hierro, a carreira Cruce de los Andes, quedando terceiro na Transgrancanaria. Ademáis é o actual campeón do Circuito Alpino e foi 11º no último Campeonato de España.

Tamén participou o asturiano Santi Obaya, do Helly Hansen, actual campeón da Copa de Asturias de carreiras por montaña, gañador de Les Meloneres e a Maratón Xtreme Lagos de Covadonga, terceiro no Benzúa e segundo na Travesera de Picos en 2008 entre outros.

Entre os atletas bercianos, o favorito era Chus Alonso Prieto, veterano corredor de grandes rexistros e unha morea de carreiras gañadas, e ainda que non sexa un experto en carreiras de montaña quixo probar nesta modalidade na súa terra.
A pesares da dureza da proba - con un percorrido de 29 kms., un desnivel positivo de 1.550 m., unha altura máxima de 1.483 m. e unha altura mínima de 865 m. -, tan soio 10 atletas tiveron que retirarse sen poder remata-la proba.

O vencedor absoluto, Aurelio Olivar, un dos atletas más emblemáticos deste deporte, salientou que foi unha carreira impresionante, das máis fermosas que fixera deica agora. En termos semellantes pronunciouse Nerea Martínez.


CLASIFICACIÓNS:


Absoluto masculino

1º.- Aurelio Olivar (Tierra Trágame), 2 h. 19´56"

2º.- Fernando Arca (Montañeros, de Pontevedra), 2. h. 21´10"

3º.- Santi Obaya (Helly Hasen Avientu), 2 h. 24´49"


Absoluto femenino

1ª.- Nerea Martínez (Salomon Santiveri), 2 h. 58´37"

2ª.- Eva María Braña (Helly Hasen Avientu), 3 h. 12´17"

3ª.- María Luisa García (Independente), 3 h. 17´20"


A Guarda dá a benvida ao MASAT!

Xurxo González Rodríguez, cineasta e historiador de A Guarda



Que é o MASAT? Que significa esta nova palabra? Pois esta palabra ten que converterse no futuro próximo en algo extremadamente familiar para calquera guardés que se precie e, tamén, coñecida fora da Guarda, non só en Galicia senón tamén en calqura recuncho da xeografía española.
O MASAT é o resultado do proceso de personalización do Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega. O día 24 de febreiro abriu as súas portas esta veterana institución que leva connosco moitos anos e que neste inverno sufriu non so un lavado de cara senón a aplicación dun novo proxecto arqueolóxico chamado a marcar as directrices dos vindeiros anos non só da propia sede do museo senón de todo o relativo ao Plan Director do Monte Santa Trega e da vida cultural da Guarda.
A verdade é que non é sen tempo que se produce esta necesaria transformación. Tivo que darse a conxuntura adecuada para ver materializada unha idea que se botaba en falta desde fai anos. Por fin, viuse o resultado da maridaxe entre o goberno local do Concello da Guarda, encabezado por Xavier Crespo (Concelleiro de Patrimonio) e da Dirección Xeral de Patrimonio da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, baixo a sensibilidade de Felipe Arias.
Sen dúbida, o resultado das actuacións son altamente satisfactorias: singularización do nome, logotipo do museo, actuación no espazo do museo, deseño dun itinerario expositivo, grande traballo do deseño do espazo, eliminación da luz natural, boa iluminación artificial, depuración das pezas expositivas, aparición de audiovisuais… Un proxecto museístico moderno interesante do que, por fín, todos os veciños da Guarda poden sentirse orgullosos.
Mais todos estes elementos positivos non son quen de deixar de reflectir algunhas importantes carencias. Certamente, é unha pena que o Plan Museístico do MASAT realizado pola empresa Trivium de Santiago de Compostela non fose máis incisiva en certos aspectos. Tería sido moi interesante que se tivese contado co consello ou opinión de estudos locais do Monte Santa Trega. Quizais o maior erro é a falta de proxección divulgativa. Grazas a estas intervencións en relación ao deseño e organización do espazo, o museo quedou totalmente renovado pero é evidente que aínda se facía necesaria outra “volta de torca”.
Esta enumeración de eivas hai que tomalas como apuntamentos para que todas as institucións implicadas na salvaguarda do MASAT tomen medidas ao respecto nun futuro que, todos esperamos, sexa próximo. O máis grave erro desde o punto de vista especializado é o enfoque realizado sobre as diferentes cronoloxías. Os distintos paneis informativos teñen algúns datos cuestinoables, son confusos e empregan material excesivamente especializado para os visitantes neófitos. Hai certo material gráfico, como os mapas, que se repite sen necesidade, botándose de menos algunha foto aérea do monte, do poboado ou dos propios petroglifos (é significativo o feito de haber todo un painel dedicado a eles sen que apareza un única imaxe dos mesmos). As mamparas centrais son mapas iluminados que conteñen pouca información e están demasiado altas para escolares, sentíndose a falta dalgunha maqueta do castro ou plano con algún tipo de interacción cos visitantes. Os audiovisuais son demasiado austeros xa que alén das imaxes son necesarios rótulos e informacións identificativas. E o máis grave quizais sexa a falta de presenza de contidos de microhistoria que fosen apresentados dunha maneira didáctica de xeito que permitisen comprender a vida cotiá dos castrexos.
A maiores tamén é necesario unha creación dunha comunidade de “amigos” do MASAT ao que puideran estar tanto comerciais e hosteleiros como veciños, asociacións e institucións da Guarda. Unha páxina web para ter presenza no espazo virtual. Unha maior difusión da marca ou imaxe coorporativa do museo. Creación de unidades didácticas para escolares. E o deseño e organización de visitas turísticas tentando relacionar o museo, co castro, co monte, coa vila e a paisaxe en xeral.
Como vemos é moito o traballo que queda por facer, pero nestas semanas nada vai poder enturbiar a extraordinaria ledicia que debemos sentir todos os guardeses pola chegada do MASAT!
Xurxo González
Historiador da Arte