28 de nov. de 2009

TOMIÑO

O Concello de Tomiño e a Rede de Dinamización presentan o seu programa para decembro


Este mes desenvolveranse no ESPAZO TIC obradoiros de alfabetización dixital e unha charla sobre Software Libre dirixida á xuventude
Daniel Ozores Álvarez / Responsábel do Espazo TIC e dinamizador da Sociedade da Información
O Concello de Tomiño, en colaboración coa Rede de Dinamización, anuncia novos obradoiros de achegamento ás Novas Tecnoloxías que terán lugar no mes de decembro en Tomiño. Os obradoiros que se van desenvolver e as datas nas que terán lugar son os seguintes:
l“Procesador de textos: Writer”: o usuario/a ao finalizar este obradoiro será capaz de crear e modificar un documento de texto empregando o OpenOffice Writer. Será realizado na aula de ordenadores do Campo da Feira en Tomiño, os días 1 e 2, en dous horarios diferentes: de mañá, de 10:00 a 12:00 horas, e de tarde, de 18:00 a 20:00 horas.
l“Creación dunha conta de correo electrónico”: con esta actividade preténdese que o usuario/a, ao finalizar este obradoiro, sexa capaz de crear e xestionar a súa propia conta de correo electrónico. Desenvolverase o xoves 3 de decembro de 10:00 a 12:00 ou de 18:00 a 20:00, na aula de Informática do Campo da Feira.
l“Curso de alfabetización dixital”. O usuario/a será capaz de manexar de forma básica un computador, así como de acceder a Internet e utilizar algúns dos recursos básicos dispoñíbeis. O obradoiro terá lugar na aula de ordenadores do Campo da Feira en Tomiño entre os días 9 e 18, de luns a venres. O horario será de maña, entre as 10:00 e as 12.00.
Ademais, o luns 21 de decembro, ás 19 horas, na aula de ordenadores do Campo da Feira, realizarase unha charla informativa na que se falará sobre todo o relacionado co Software Libre, e na que se trataran diversos temas, como por exemplo, ¿que é?, ¿cando naceu?, ¿Quen o creou?, principios do Software Libre, distribucións, GALINUX, etc.
O ESPAZO TIC, xurdido en abril de 2008 ao abeiro da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, é actualmente un importante punto de referencia dentro da estratexia marcada pola Concellaría de Mocidade e Promoción Económica para difundir e fomentar o uso e aproveitamento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación no Concello de Tomiño.
Para iso e durante todo este tempo, o ESPAZO TIC vén espallando a súa actividade polas diferentes parroquias do concello desenvolvendo accións diversas como charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital e outros de moi variada temática, adaptándose ás diferentes necesidades dos colectivos sociais tales como mulleres, persoas maiores, persoas con discapacidade, xuventude, asociacións e empresas.Para solicitar máis información sobre as actividades organizadas polo ESPAZO TIC de Tomiño poden dirixirse persoalmente ás instalacións situadas no parque do Campo da Feira, chamar ao teléfono 986.623.304, visitar a páxina web
www.redededinamizacion.eu ou mandar un correo electrónico ao enderezo: daniel.tomino@dinamiza.fundacionacalidade.org.

Ningún comentario:

Publicar un comentario