28 de nov. de 2009

GOIÁN

A COMISIÓN DA MULLER DO BNG CELEBRA O SEU ÚLTIMO ACTO CON MOTIVO DA LOITA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO EN TOMIÑO O 29 DE NOVEMBRO ÁS 17.00 NO MULTIUSOS DE GOIÁN


COMISIÓN DA MULLER DO BNG NO BAIXO MIÑO
A Comisión Comarcal da Muller no Baixo Miño finaliza coa campaña deste ano na que co lema “Contra a violencia de xénero: máis sensibilización, máis medios, máis recursos”, pretende concienciar a poboación de que aínda queda moito por facer para erradicar a violencia, a discriminación e a subordinación das mulleres e para acadar unha sociedade igualitaria.

Lembrando que na antiga lexislatura en Galiza se fixeron grandes avances neste sentido coa aprobación dunha Lei específica para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero e con recursos sociais para todas as mulleres con independencia de que contasen cunha orde de protección ou non, faltan aínda medios e quedan por desenvolver recursos da Lei 11/2007 como garantirlles ás mulleres vítimas de violencia de xénero atención psicolóxica pública, por en marcha o Centro de recuperación integral ou desenvolver o Observatorio galego da violencia de xénero.

O acto que se celebrará en Goián-Tomiño o próximo domingo ás 17.00 h. será presentado por Linda Granada Diogo, Responsable Local da Muller de Tomiño, quen estará acompañada pola Responsable Comarcal da Muller do BNG, Carme Verde Diego. No acto intervirá a Concelleira de Igualdade no Concello de Vigo, Iolanda Veloso, proxectaranse tres curtas: “Tirapuxa” (1996), “Meniña” (2006) e “Amelia e as Sereas” (2006) e rematará cun Cine Forum en torno a violencia de xénero.

A Comisión Comarcal da Muller no Baixo Miño reitera a súa invitación a todas aquelas persoas, homes e mulleres, as que lle preocupe a violencia de xénero a que participen desta actividade. Nomeadamente fai un chamamento as diferentes asociacións de mulleres do Baixo Miño, as mulleres que traballan en contacto con outras mulleres nos centros de saúde, nos centros sociais, nos servicios sociais, en definitiva a todas as mulleres que de xeito directo ou indirecto teñan contacto cos problemas que provoca a violencia de xénero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario