6 de nov. de 2009

PONTEVEDRA

UN CENTENAR DE ENTIDADES OPTAN ÓS PREMIOS PROVINCIAIS DO PEQUENO COMERCIO CONVOCADOS POLA DEPUTACIÓN DOTADOS DE 20.000 EUROS

O xurado cualificador reuniuse hoxe no Pazo Provincial para examinar as propostas presentadas

Infogauda / Pontevedra
Cento dous entidades da provincia optarán á “I edición dos Premios Provinciais do Pequeno Comercio”, convocados pola Deputación e que contan cunha dotación económica de 20.000 euros. O xurado cualificador reuniuse hoxe no Pazo Provincial para examinar e estudar a fondo as propostas presentadas. O veredicto darase a coñecer nunha Gala Provincial do Pequeno Comercio, que terá lugar o 12 de novembro de 2009 en Mondariz.

Das 102 candidaturas presentadas, optarán ó Premio Provincial a Concellos, que estará dotado con 6.000 euros, un total de 17 administracións locais.

Este galardón pretende premiar as actuacións de renovación urbana comercial no centro das vilas contribuíndo á promoción e dinamización comercial; así como recoñecer o desenvolvemento de actuacións municipais que pola súa contribución á mellora do comercio, e en consecuencia do entorno urbano, poidan servir de modelos e referentes para os demais municipios da provincia de Pontevedra.

Pola súa banda, son 34 as asociacións candidatas ó Premio provincial para Asociacións de Comerciantes, Centros Comerciais Abertos e Urbanos, neste caso cunha dotación de (3.000 euros e un accésit. de 2.500 euros. Neste caso, a finalidade desta distinción será recoñecer a tarefa desenvolvida polas agrupacións de comerciantes da provincia en prol do asociacionismo comercial e da profesionalización da figura da xerencia.

Así mesmo, son 18 as entidades aspirantes ó Premio Provincial á Innovación no pequeno comercio, que conta cun orzamento de 3.000 euros. Preténdese premiar ós pequenos comercios que incorporen elementos innovadores sexa na súa imaxe, instalacións, servizo, envase, produto ou noutros aspectos para realzar o seu valor competitivo, o desenvolvemento comercial e modernización.

No caso do Premio á Muller Emprendedora, cunha contía de 3.000 euros, serán 21 os candidatos. Neste caso, galardoarase ós pequenos comercios da provincia dirixidos unicamente por mulleres, estimulando a posta en marcha de novos comercios e o autoemprego feminino.

Finalmente, o Premio Provincial ao Comercio Tradicional, dotado con 3.000, conta con 12 aspirantes. Neste caso, o premio irá dirixido a comercios que contan polo menos con 18 anos dende a súa apertura, nos que destaque a profesionalidade, o bo facer e a introdución de modificacións significativas, novas tecnoloxías, elementos de modernidade na súa estrutura e/ou imaxe para acadar unha maior capacidade competitiva e proxección.

O xurado estivo conformado pola vicepresidenta da Deputación, Teresa Pedrosa; polo deputado, Carlos Silva, polo responsable da Área de Comercio, Manuel Corujo; por un representante de Onda Cero; e por representantes da Cámaras de Comercio de Vigo, Vilagarcía, Pontevedra, Tui. Así mesmo, tomaron parte do xurado a subdirectora Xeral de Comercio, Sol Vázquez; e a representante do Instituto Galego de Consumo, María Jesús Muñoz. Pola súa banda, Carlos Cuadrado tamén formou parte da xuntanza como secretario da Deputación.


Ningún comentario:

Publicar un comentario