15 de out. de 2009

OURENSE

DEPUTACIÓN, CALDARIA E BUDAPEST, XUNTOS A PROL DO TERMALISMO



Hoxe tivo lugar na Deputación de Ourense unha recepción por parte do presidente provincial, José Luis Baltar, a unha delegación húngara de expertos en termalismo e representantes institucionais, na que todos coincidiron na necesidade de establecer nexos de colaboración que poidan beneficiar a ambas partes, co fin de mellorar infraestruturas, servizos e investigacións no ámbito do termalismo.

Infogauda / Ourense
Potenciar o termalismo, transferir tecnoloxía e experiencias, e cooperar para a distribución dos fondos da Unión Europea, son os obxectivos do acordo de colaboración que mañá asinarán o Inorde e Caldaria Termal coa empresa Budapest Spas Company, a principal empresa de xestión termal de Budapest, capital considerada o berce mundial do termalismo.Esta actuación enmárcase dentro do proxecto “Un país, unha oportunidade” que está a desenvolver o Inorde da man do seu xerente, José Manuel Rodríguez, que ten como finalidade consolidar un eixo turístico-termal e establecer liñas de colaboración para o uso dos fondos da UE e transferencia de coñecemento e tecnoloxía no ámbito do termalismo, ademais de crear as condicións favorables para o intercambio tecnolóxico entre os socios, institucións e empresas.Precisamente por elo, o convenio que mañá asinarán Tibor Ferenci, director de Budapest Spa Co., Javier Soto, director xerente de Caldaria Hoteles, e José Manuel Rodríguez, xerente do Inorde, ten un importante valor que permitirá reforzar a cooperación e o desenvolvemento rexional entre Ourense, Galicia e Hungría en favor das augas termais a geotermia, o turismo asociado, a economía e todo o que abrangue a industria do termalismo.Neste senso, os firmantes do acordo comprométense a colaborar en estudos de consultoría para a realización de proxectos que propicien a promoción do termalismo, e tamén se contempla a realización de intercambios de especialistas en diferentes ámbitos, para que a transferencia de coñecemento sexa mutua e fluída con fin de enriquecer a información sobre o tema termal.A importancia do acordo reside tamén no feito de que Hungría, e en concreto Budapest, ten a maior industria mundial no ámbito do termalismo, e a súa experiencia será moi importante para que Ourense poida seguir os pasos dun “xigante de augas quentes” coma é Budapest. De feito, a capital de Hungría desenvolve numerosos proxectos termais, e só no sector turístico, entre 2007 e 2013 investirá de fondos da UE 460 millóns de euros. Os proxectos turísticos máis importantes da capital son a reconstrución do Castelo do século XVII, na parte de Buda; a reconstrución da pista de patinaxe, e a reconstrución dos baños termais. O Inorde, dentro do seu programa de cooperación accede aos países da ampliación europea co proxecto “un país, unha oportunidade”, baseando a súa estratexia en indicativos como o número de consumidores potenciais (100 millóns); unha taxa de paro do 7%; unha taxa de crecemento do PIB do 1,5% e unha dotación de fondos da UE para o período 2007-2013 de 172.000 millóns de euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario