15 de out. de 2009

OURENSE

O CAMPIONATO GALEGO DE DOMA CLÁSICA REÚNE EN ANTELA A 60 XINETES E AMAZONAS DE ENTRE 7 E 50 ANOS



Máis de 60 xinetes e amazonas de entre 7 e 50 anos daranse cita o vindeiro fin de semana no Centro Ecuestre de Antela, en Sandiás, para participar na final do “X Campionato Galego de Doma Clásica”, un evento deportivo que reúne aos mellores especialistas galegos nesta disciplina hípica.

Infogauda / Ourense

Hoxe foi presentado o evento no Centro Cultural da Deputación de Ourense, coa presenza de José Manuel Díaz, representante do Clube Deportivo Ecuestre de Ourense; Jorge Vázquez, da Federación Hípica Galega; Emilio Iglesias, delegado dos clubes hípicos federados, e Sindo González, xerente do Centro Ecuestre de Antela.Segundo afirmou José Manuel Díaz, a organización deste campionato chega a Ourense “despois de tres anos consecutivos de éxitos da doma ourensá, na que se teñen acadados premios en moitas categorías a nivel galego”. Tamén se referiu á importancia que o cabalo ten tanto no ámbito lúdico ou deportivo coma económico para a provincia de Ourense. “Estamos a falar de que o cabalo é unha industria que xera na nosa provincia postos de treaballo e actividade comercial, que supón unha contribución importante para dinamizar a vida social e económica de Ourense”.En canto aos horarios das xornadas, as probas comezarán o vindeiro sábado ,17 de outubro, ás 10.00 horas e continuarán ata as 19.00 horas. O domingo terá lugar a entrega de premios, ás 18.00 horas, coa presenza de autoridades institucionais e do mundo da hípica en Galicia.A representación dos competidores ourensáns está formada polo clubes hípicos de Coles, Paderne, Monterrei, Verín, Escola de Vilamarín e Centro Deportivo Ecuestre de Ourense. Polo que atinxe á representación do resto de Galicia, competirán xinetes e amazonas dos clubes hípicos de a Coruña (Casasnovas, Los Porches e Pinteo), Vigo, Mondariz e A Cañiza, entre outros.A alta participación que se agarda neste campionato ponse de manifesto nas 100 saídas á pista de cabalos que haberá durante todo o fin de semana. A entrada ao recinto hípico de Antela é gratuíta e os organizadores agardan que sexa unha xornada lúdica e deportiva do máis alto nivel e coa participación de todos os amantes do mundo do cabalo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario