8 de out. de 2009

OURENSE

“XINZO DE LIMIA: IMAXES PARA A LEMBRANZA”, 100 ANOS DE HISTORIA GARDADOS EN FOTOS


Este libro recolle en 250 fotografías e textos literarios pasaxes da vida cotiá do pobo da Limia, festas, xentes, traballos e fermosos lugares, coordenados por Concepción Rúa.

Infogauda / Ourense
A Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do libro “Xinzo de Limia: im axes para a lembranza”, que recolle en fotografías 100 anos de historia da comarca de A Limia. A obra, editada pola Deputación de Ourense, constitúe un traballo de investigación e recompilación de imaxes fotográficas, realizado por Concepción Rúa González e coordinado polo Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo”, coa colaboración nos textos literarios de Federico Cocho, Antón Riveiro Coello, Xosé Lois Carneiro, Delfín Caseiro, Luis Otero, Lola Peláez e Xosé Manuel Cid.A obra recolle unha selección de 250 fotografías que foron escollidas de entre máis de 5.000 fotos aportadas polos veciños de Xinzo de Limia, que desinteresamente colaboraron para que este libro fose realidade. Segundo dixo o presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, na presentación “trátase de recoller o que é patrimonio dunha familia e poñelo nun libro para que pase a ser patrimonio de todos. Por iso temos que estarlle moi agradecidos aos veciños da comarca de Xinzo porque esta obra é súa”. En opinión do presidente da institución provincial “estas obras contribúen a facer máis grande a nosa etnografía e a nosa cultura galega”.
A coordinadora do traballo, Concepción Rúa, explicou que o libro está dividido en diferentes seccións que abranguen actividades, lugares, traballos e xentes, “que fixeron a historia dos últimos 100 anos na comarca de Xinzo de Limia”.
Pola súa banda, Isaac Vila, alcalde de Xinzo, agradeceu a todo o pobo de Xinzo por haber entregado o material que fixo posible a recompilación de fotos para o libro. “Temos que darlle as gracias a todos por regalarnos ese anaco da súa historia, para que poidamos contemplala todos xuntos. Unha foto antiga é posiblemente o obxecto inventado polo ser humano capaz de agrupar os sentimentos máis fortes: alegría, pena, lembranzas e amizade”. O alcalde de Xinzo engadiu estas fotos “sentímolas como nosas, por tratarse de retratos que dan conta de persoas, lugares e situacións da nosa comarca da Limia; por elo o recordo é aínda máis intenso. Porque algo no que todos coincidimos é que cando unha fotografía conxela perfectamente unha emoción xamais nos deixa indiferentes”, dixo Isaac Vila.Estas fotos de A Limia mesturan pasado e futuro, en palabras de Isaac Vila, “unen a aquelas instantáneas en branco e negro cos nenos e mozos de hoxe en día, cativos que a ben seguro compartirán con avós e pais as historias e lembranzas que foron construíndo o que hoxe somos: boas xentes, inesquecibles costumes e fermosos lugares. Dito doutro modo: Xinzo de Limia”.
A esta presentación que hoxe tivo lugar antes os medios de comunicación seguirá mañá un multitudinario acto en Xinzo de Limia ao que están convidados todos os veciños, os protagonistas do libro, para lembrar xuntos esta fermosa parte da historia recente da comarca da Limia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario