BUCIÑOS INAUGURA MAÑÁ NO CENTRO CULTURAL A SÚA MAIOR EXPOSICIÓN DE “ESCULTURAS QUE FALAN”
Esculturas que falan e maternidades que afloran sentimento. Así é a exposición de Manuel Buciños que mañá se inaugura no Centro Cultural da Deputación de Ourense. Son 43 obras en bronce, pedra, pedra e bronce e madeira, de pequeno e gran formato, que conforman a maior colección do artista, pois recolle máis de trinta anos de traballo do escultor ourensán na procura do seu obxectivo vital como artista: conseguir que as esculturas “falen”.
Infogauda / Ourense
Hoxe, no prolegómeno da inauguración, presentouse na Deputación de Ourense o catálogo da exposición, editado pola Deputación de Ourense: un coidado libro que, ademais de recoller en elegantes fotografías de Mani Moretón a totalidade da obra pública de Buciños, tamén conta coa colaboración literaria do escritor José María Pérez Alvarez “Chesi”, a través dun relato inspirado na obra de Buciños. Escultura, fotografía e literatura irmánanse para crear un elegante catálogo do que é ben merecedor Manuel Buciños.O artista dixo que sempre lle resulta difícil ter que explicar a súa obra. “Prefiro que sexa ela quen fale, e cando non o consigo disgóstome moito, porque penso que se lle quitamos o sentimento ao arte non lle queda nada”. Preguntado pola súa escultura preferida, Buciños non se decanta por ningunha en concreto, anque puntualiza que as maternidades “se están ven conseguidas” expresan case todo o que el entende por arte: “Teñen sentimento, amor, protección, envían mensaxes..., e falan”.Pola súa banda, o director do Centro Cultural da Deputación de Ourense, Francisco González, cualificou a Buciños coma un dos “nosos grandes escultores”, e agradeceulle en nome de todos os amantes do arte “que todos poidamos disfrutar desta magnífica exposición”. Asemade, Francisco González referiuse ao catálogo afirmando que se trata dun laborioso traballo que recolle por primeira vez toda a obra pública de Buciños, e agradece á Xunta de Galicia e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a súa colaboración na edición da obra.Finalmente, o fotógrafo Mani Moreton, autor das fotografías do catálogo, agradeceu a Buciños e a Deputación de Ourense “a libertade creativa coa que puiden traballar, porque me permitiu exprimir ao máximo a luz e as formas das esculturas para tentar facer o que Buciños desexa: que a súa obra cobre vida”.
A exposición inaugúrase mañá xoves, ás 20.15 horas, no Centro Cultural da Deputación e estará aberta ata o 1 de novembro todos os días da semana.
Ningún comentario:
Publicar un comentario