Infogauda / O Rosal
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) do Rosal levará ao próximo pleno unha proposta para que o concello se dirixa a Consellaría de Educación e solicite o nomeamento dun profesor ou profesora máis, de Audición e Linguaxe, para os centros do municipio.
Segundo os nacionalistas “o comezo do curso escolar deste ano non puido ser máis conflitivo. Á supresión da gratuidade dos libros de texto, que xa foi obxecto dunha moción no pleno anterior por parte do BNG, engádese o recorte de profesorado.”
O responsábel local do BNG, Alberte Alonso Pereira, indica que este recorte supón “no noso concello a supresión dun profesor de Audición e Linguaxe” e aclara que dende hai cinco anos, cada un dos centros do Rosal, o Suárez Marquier e o CRA María Zambrano, contaban cun profesor desta especialidade.
Alonso Pereira aclara que “agora, un só profesor terá que atender aos máis de 60 nenos que necesitan atención especializada nos dous centros, o cal suporá unha merma na calidade do ensino, especialmente no CRA, pois as aulas están dispersas por todo o concello”.
Para os nacionalistas o verdadeiro 'ataque ao ensino público' ao que se refería o Conselleiro de Educación nunhas recentes declaración aos medios, é auspiciado dende o propio goberno da Xunta que, por unha banda, suprime profesorado, o que leva a rebaixar a calidade do ensino, e por outra, elimina a gratuidade dos libros de texto, en detrimento das economías familiares sobre todo na actual situación de crise, conclúe o responsábel local do BNG.
Ningún comentario:
Publicar un comentario