4 de set. de 2009

MADRID

España: última oportunidade para protexer ás persoas que foxen de graves violacións de dereitos humanos
Amnistía Internacional, a través de www.actuaconamnistia.org, pide ao Senado español que presente emendas ao actual proxecto de reforma da Lei de Asilo antes da súa aprobación
O Senado non debe converter o asilo nunha vítima das políticas comunitarias obsesionadas co control migratorio e co peche de fronteiras


Amnistía Internacional / Madrid
Yasiff e Laila (nomes ficticios) sufrían constantes ameazas por parte dos Talibáns en Afganistán, ata o punto de ter que fuxir finalmente cara o veciño Paquistán. O delito que cometeron foi ter ideas laicas e progresistas. Co avance dos Talibáns en Paquistán, as ameazas e a persecución continuaron. Foi daquela cando, en setembro de 2007, o matrimonio decidiu solicitar asilo na embaixada española en Paquistán. Un ano máis tarde, España concedíalles o Estatuto de Refuxiados.

Se a actual reforma da Lei de Asilo española estivera en vigor daquela, Yassif e a súa familia non poderían ter solicitado asilo ante a Embaixada española, e pode que non fosen quen de saír de Paquistán cara un lugar seguro onde fuxir do acoso, a persecución e as ameazas dos Talibáns.

Polos milleiros de persoas que, coma Yassif e Laila, foxen de graves violacións de dereitos humanos na busca de protección internacional, Amnistía Internacional lanza en
www.actuaconamnistia.org unha ciberacción para instar aos diferentes grupos parlamentarios representados no Senado español a non aprobar o Proxecto de Lei Reguladora do Dereito de Asilo e a Protección Subsidiaria, ata que non se presenten as emendas axeitadas que garantan que a Lei se axusta perfectamente á normativa internacional.

Este proxecto restrinxe considerablemente o mero feito de poder acceder ao dereito de asilo; é dicir, a súa solicitude como un dereito humano universal. E en caso de ser aprobado, España non sería fiel ás súas obrigas internacionais con respecto ás persoas solicitantes de protección internacional.

As altas cifras de inadmisión das solicitudes e os baixos índices de estatutos de refuxiado recoñecidos aos solicitantes xa fan que o noso país estea á cola de Europa na protección de vítimas de violacións de dereitos humanos.

España acababa o ano 2008 coa cifra máis baixa de estatutos de refuxiado concedidos dende 2001. Só 151 persoas foron recoñecidas como refuxiadas, dun total de 4.516 persoas que acudiron ás nosas fronteiras e embaixadas solicitando protección internacional. De aprobarse a reforma de Lei de Asilo, as cifras serían aínda máis escandalosas e moitas persoas perseguidas e ameazadas ao redor do mundo seguirán correndo perigo.

Amnistía Internacional xa trasladou aos grupos parlamentarios no Congreso e ao Goberno a profunda preocupación que suscitan algúns dos artigos deste Proxecto, e agora urxe ao Senado español a garantir que esta reforma de Lei non supoña un retroceso con respecto á lei actual de asilo e un claro incumprimento da normativa internacional.
Máis información
O Congreso dos Deputados aprobou, o pasado 25 de xuño, o Proxecto de Lei Reguladora do Dereito de Asilo e a Protección Subsidiaria. Aínda que o texto recolle algúns avances, -por exemplo, na protección da persecución por xénero e orientación sexual, das vítimas da trata, de quen foxe da tortura, etc.- tamén contén unha serie de disposicións que, na práctica, contribuirían a dificultar aínda máis o acceso de milleiros de persoas ao seu dereito á protección internacional. Entre outras preocupacións, AI leva meses resaltando as seguintes:

Exclúese o dereito a solicitar asilo aos cidadáns europeos comunitarios. Esta limitación é contraria á Convención de Xenebra que, no seu artigo 3, prohibe expresamente a discriminación por nacionalidade, xa que isto implicaría pór en perigo o carácter universal do “dereito a buscar asilo e a gozar del en calquera país”; un dereito recoñecido na propia Constitución Española (artigo 13.4). De aprobarse a reforma proposta, España daría por suposto que nos Estados membros da UE, ou nos que se incorporen nos próximos anos, nin se produce nin se producirán nun futuro graves violación de dereitos humanos.

Desaparece a posibilidade actual de pedir asilo ante unha embaixada ou consulado españois en terceiros países. Esta medida é inxustificada e de especial gravidade dados os enormes obstáculos que as persoas que foxen da persecución atopan hoxe en día para viaxar e acceder ao procedemento en territorio español.

Incorpóranse fórmulas xuridicamente imprecisas, tales como “constituír un perigo para a seguridade de España” ou “constituír unha ameaza para a Comunidade”, que veñen a ampliar a lista de causas de exclusión do asilo, o que é contrario á Convención de Xenebra.

Créanse diferentes procedementos de tramitación que contribúen a reducir as garantías para os solicitantes de asilo en función do lugar onde soliciten protección, de tal xeito que, por exemplo, os posibles solicitantes de asilo en fronteira terán máis dificultades para optar á condición de refuxiado.

Inclúese o concepto de “terceiro país seguro” como causa de inadmisión da solicitude que vulnera a obriga, contemplada na Convención de Xenebra, de estudar cada caso de xeito individual.

España atópase na obriga de ofrecer protección internacional ás persoas que foxen de graves violacións de dereitos humanos nos seus países pola firma da Convención de Xenebra e pola propia Constitución Española.

Ningún comentario:

Publicar un comentario