28 de ago. de 2009

GALICIA

O Inega amplía o orzamento do Plan Renove fiestras que alcanza os 3,1 millóns de euros



O departamento que dirixe Javier Guerra está a fomentar a redución do consumo de enerxía no sector doméstico

Infogauda / Santiago de Compostela

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Consellería de Economía e Industria, ampliou a dotación do Plan Renove de Fiestras, que agora conta cun orzamento total de 3,1 millóns de euros.
A campaña Plan Renove de Fiestras comezou cun orzamento inicial de 500.000 €, o éxito desta iniciativa fixo que se ampliase primeiro en 2 millóns de euros adicionais, e agora a Consellería de Economía e Industria fai unha nova achega de 600.000 € ca finalidade de continuar atendendo as solicitudes de axuda que chegan ao Inega.
Deste xeito, o departamento que dirixe Javier Guerra, está a fomentar a redución do consumo de enerxía no sector doméstico a través da rehabilitación dos ocos acristalados de fachada, tanto no referente ao acristalamento como aos marcos ou perfís.
Estas axudas xestionanse mediante a colaboración dos instaladores que deciden adherirse ao Plan e están destinadas a persoas físicas ou xurídicas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia. Son subvencionables as novas fiestras ou portas-fiestras que separen estancias calefactadas do exterior.
A ampliación de orzamento do Plan Renove de Fiestras, incluído no Programa IDAE-INEGA 2008 de Axudas Públicas a Investimentos en Eficiencia Enerxética dentro do Plan de Acción 2008-2012, servirá para dar cobertura ás solicitudes en listaxe de espera e a novas peticións nos próximos meses.

Ningún comentario:

Publicar un comentario