6 de nov. de 2026

VIGO

O BNG chama a unha grande mobilización o 11N e o 29N para que Galiza saia da discriminación e poida decidir o seu futuro  

•  A candidata Carme da Silva chama a romper coa dicotomía do bipartidismo e apoiar con convicción a quen representa o país para conseguir que Galiza conte e condicione as políticas do Estado  

•  A nacionalista asegura que a folga do 11 de novembro será un exemplo para todo o Estado e que o 29N debe traducirse nun grande apoio ao BNG  


Carme da Silva, cabeza de lista do BNG ao Congreso, nun momento do encontro coa executiva comarcal da CIG de Vigo, no que participou xunto ao voceiro municipal Xabier P. Igrexas, outros integrantes da candidatura e a responsable local nacionalista
Foto: Cedida

Infogauda/Vigo

 O BNG chamou hoxe a unha grande mobilización social na folga xeral do vindeiro 11 de novembro e tamén nas eleccións xerais do 29N para que Galiza saia da discriminación, galegas e galegos vexan solucións aos seus problemas reais e o país gañe capacidade para decidir e condicionar as políticas do Estado. Así o trasladou a cabeza de lista do BNG ao Congreso, Carme da Silva, tras o encontro coa executiva comarcal da CIG de Vigo, no que participou xunto ao voceiro municipal Xabier P. Igrexas, outros integrantes da candidatura e a responsable local nacionalista.  

 Carme da Silva situou o 29 de novembro como unha oportunidade para romper coa dicotomía do bipartidismo e apoiar a quen defende os intereses de Galiza. “O 29N vai de romper co bipartidismo, de apoiar a quen nos representa, de votar con convicción para ter un futuro mellor, de votar por quen vai contra a discriminación de Galiza e das súas traballadoras e traballadores”, afirmou. Defendeu que o país precisa ter peso político para que os problemas da sociedade galega estean na axenda e reciban respostas, fronte ao modelo de PP e PSOE que continúa a relegar Galiza.  

 A nacionalista advertiu de que a vida das galegas e galegos é cada vez máis difícil nun contexto de encarecemento do custo da vida, baixos salarios, pensións insuficientes e precariedade laboral. Puxo enriba da mesa que Galiza rexistra unha das taxas de inflación máis elevadas do Estado, cun 5,5 % no dato de setembro, unha situación que repercute directamente nas economías das familias.   

 Da Silva puxo tamén o foco nas condicións laborais e na situación da sanidade pública para cuestionar o discurso do PP sobre o absentismo. Lembrou que, até agosto, Galiza rexistrara 29 mortes por accidente laboral e máis de 19.000 accidentes con baixa. “É absolutamente indecente que se culpabilice a traballadores e traballadoras que están nunhas condicións laborais e de saúde terribles”, denunciou. Neste sentido, criticou que o PP de Feijóo reclame sacrificios ás clases traballadoras mentres a Xunta recorta e privatiza servizos públicos básicos, especialmente a sanidade, e non asume responsabilidades.  

 A candidata cuestionou igualmente as prioridades do goberno do PSOE, que se presenta como o máis progresista da historia pero mantén vixentes a reforma laboral aprobada polo PP e a chamada ‘Lei Mordaza’. Sinalou tamén que, fronte ao discurso de ser un goberno social, desde o 25 de agosto, o executivo estatal aprobou máis de 12.000 millóns de euros de gasto militar fronte aos 200 millóns destinados a vivenda. 

 “Para mísiles, balas e tanques, máis de 12.000 millóns; para a vivenda, 200 millóns. Iso marca moi ben cales son as súas prioridades”, reprochou.  

 Da Silva tamén considerou insuficiente a proposta de situar o salario mínimo interprofesional en 1.286 euros, unha contía que continúa por baixo do 60 % do salario medio. Fronte a estas políticas, reivindicou a posición do BNG de que os recursos públicos “teñen que ser para mellorar a vida das persoas, dos traballadores e das traballadoras, das pensionistas, para garantir un sistema de pensións públicas, non para seguir alimentando o monstro da guerra”.   

 A cabeza de lista do Bloque pechou a súa intervención expresando a súa convicción de que Galiza será o 11 de novembro un exemplo para o conxunto do Estado, cunha mobilización masiva. “Vai ser vangarda do Estado, exemplo dunha sociedade que se revela, que se move e que non se resigna”, afirmou. Unha mobilización social que, ao seu xuízo, debe ter continuidade o 29N cunha gran mobilización de apoio ao BNG. “Fagámolo con convicción, con ilusión e con esperanza, porque os galegos e as galegas merecemos un futuro mellor e pelexar por este país e polas súas clases traballadoras merece todos os esforzos”, concluíu.  

 Pola súa banda, Xabier P. Igrexas puxo o foco na situación económica e laboral de Vigo e da súa comarca, marcada polo incremento do paro rexistrado (con máis de 15.000 persoas sen ter en conta ERS nin persoas en itinerario de formación), a perda de postos de traballo na industria e unha aposta cada vez maior polo sector servizos, que condiciona o desenvolvemento económico da bisbarra e favorece o empobrecemento das condicións laborais. O voceiro nacionalista alertou tamén do incremento da carestía da vida, dunha situación social na que hai filas da fame con arredor de 300 persoas todos os días e dun mercado inmobiliario no que o prezo da vivenda acumula unha suba superior ao 70 %.   

 Ante esta realidade, Igrexas advertiu de que o 29N é unha oportunidade para impedir novos retrocesos antisociais da dereita e da extrema dereita, pero tamén para non continuar coas políticas do mesmo de sempre. “Vai ser determinante que o BNG teña máis forza, porque iso significa máis capacidade para desenvolver políticas comprometidas coa maioría social, co emprego digno, cos servizos públicos e cun futuro mellor para Vigo e para Galiza”, subliñou.  

 Finalmente, o secretario comarcal da CIG Alberto Gonçalves Herrero subliñou que a folga xeral do 11N é unha emenda á totalidade do goberno do PSOE e Sumar e das políticas da Xunta. Lembrou os anos de deterioro de servizos públicos destacando a sanidade e a educación no caso do goberno galego, e o engano do goberno progresista madrileño, que levou a máis precariedade e a non fomentar un sistema de pensións digno. “Fixeron promesas e non cumpriron”, lamentouse, alertando tamén das súas políticas en vivenda e gasto militar. Subliñou que a folga do 11N é “unha mensaxe a calquera goberno que veña”, advertindo que se non hai un cambio de situación haberá máis folgas e mobiliizacións porque “a loita é o único camiño”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario