A Xunta reúne en Tui a expertos internacionais para analizar o pasado, presente e futuro do Camiño Portugués
• Xosé Merelles destacou, na inauguración deste encontro, o valor histórico, cultural e internacional desta ruta xacobea e a importancia da cooperación entre ambos territorios cara ao Xacobeo 2027
Infogauda/Tui
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugurou esta mañá o Coloquio Internacional do Comité de Expertos do Camiño de Santiago dedicado ao Camiño Portugués, un encontro organizado por Turismo de Galicia en colaboración co Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e co Concello de Tui, que reúne durante dúas xornadas a investigadores, especialistas universitarios de Galicia e Portugal, representantes de asociacións de Amigos do Camiño e outros axentes vinculados á cultura xacobea.
Na súa intervención, Xosé Merelles puxo en valor a relevancia do Camiño Portugués e da súa variante pola Costa, constituíndo a segunda ruta xacobea en número de peregrinos, despois do Camiño Francés. Neste sentido, salientou o papel de Tui como “un dos principais puntos de partida do itinerario”, así como a importancia do seu patrimonio histórico e cultural, da súa tradición hospitalaria e, especialmente, da súa catedral, que conmemora este ano o 800 aniversario da súa consagración.
“O Camiño Portugués non se pode entender sen o papel histórico de Tui, do seu patrimonio e da súa catedral”, incidiu o director de Turismo de Galicia. “Queremos tamén recoñecer a contribución de persoas que, como Maria da Graça Sánchez da Gama, dedicaron o seu coñecemento e esforzo a estudar, promover e difundir esta ruta xacobea, contribuíndo a convertela nun referente internacional”, engadiu, no marco da homenaxe que rende o encontro a esta estudosa, peregrina e pioneira na promoción do Camiño Portugués.
Este encontro permitirá afondar no coñecemento dunha ruta que representa un elemento fundamental de unión entre Galicia e Portugal e que, na actualidade, forma parte da dimensión internacional do fenómeno xacobeo. “Estamos ante unha ruta que une dous territorios de historia, cultura e identidade compartidas, pero que tamén responde á demanda de milleiros de peregrinos de todo o mundo”, sinalou. Neste contexto, destacou que “coñecer mellor a súa evolución e os seus valores é fundamental para seguir impulsando a súa conservación, promoción e desenvolvemento”.
O coloquio, coordinado por membros do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, conta con máis de 60 persoas inscritas, entre as que destacan representantes de asociacións xacobeas, profesionais do sector turístico vinculado ao Camiño e participantes procedentes de Portugal. Ao longo das dúas xornadas, as conferencias e sesións de debate abordarán diferentes perspectivas históricas, culturais, artísticas e socioeconómicas do Camiño Portugués. Entre os temas previstos figuran a evolución da ruta en Portugal e Galicia, a acollida e a hospitalidade xacobea, o desenvolvemento económico dos territorios polos que transcorre, así como os retos e as perspectivas de futuro deste itinerario.
O Comité Internacional de Expertos, referente do Camiño
O Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago é o principal órgano de referencia científica da Xunta de Galicia en materia xacobea, contribuíndo a que as políticas de promoción, protección e xestión das rutas se apoien no rigor histórico, académico e patrimonial.
Entre as súas principais funcións figuran a análise e investigación de cuestións relacionadas co Camiño, o impulso de estudos e publicacións científicas e a organización de congresos, xornadas e encontros especializados.
Crecemento do Camiño Portugués e reforzo da súa dimensión internacional
A celebración deste coloquio coincide cun momento de especial crecemento para o itinerario portugués. No que vai de 2026, máis de 112.000 peregrinos percorreron o Camiño Portugués, o que representa un incremento do 14% respecto ao mesmo período do ano anterior.
Destaca especialmente a súa capacidade de atracción internacional, xa que case 75.000 peregrinos, o 67% do total, proceden doutros países. Portugal, cun 11,2% e Estados Unidos, cun 8,3%, seguidos de Italia e Alemaña, sitúanse entre os principais mercados internacionais.
Os datos confirman tamén a progresiva diversificación das rutas xacobeas. O Camiño Francés concentra preto do 43% das peregrinacións, mentres que o Camiño Portugués e a súa variante pola Costa representan arredor dun 20% cada un. Esta última destaca, ademais, por rexistrar a maior taxa de crecemento, cun incremento do 25%.
.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario