O GRUPO SOCIALISTA DE TOMIÑO DESTAPA NO PLENO UN PRESUNTO DELITO DE PREVARICACIÓN DA ALCALDESA TRAS PERDOAR MULTAS "A DEDO" AO SEU ENTORNO
• A portavoz socialista, Mª Violeta de Santiago, revelou no pleno do pasado luns unha Providencia de Alcaldía asinada para arquivar catro sancións de tráfico que afectaban ao entorno da secretaria da alcaldesa.
• O informe técnico do Policía Local remitido ao ORAL advirte formalmente de que o arquivo "carece de fundamento" e supón unha resolución "arbitraria".
• O axente fixo constar no expediente a súa obriga legal de dar conta á autoridade xudicial competente ao detectar indicios de presuntos delitos penais de prevaricación e cohecho.
Infogauda/Tomiño
O Grupo Municipal Socialista de Tomiño, liderado por María Violeta de Santiago Moure, sacudiu o pleno ordinario celebrado o pasado luns ao destapar un presunto caso de favoritismo e arbitrariedade que implica directamente á alcaldesa, Sandra González (BNG), na anulación irregular de sancións de tráfico firmes para beneficiar ao entorno estrito de confianza da Alcaldía.
Os feitos, denunciados con total rigor documental polo PSOE de Tomiño, aconteceron o pasado 21 de agosto, cando a Policía Local tramitou catro propostas de sanción regulamentarias no Lugar O Pazo - Taborda polo incumprimento dun sinal de estacionamento prohibido (sinal vertical 307). Entre os catro vehículos denunciados atopábase un Citroën, cuxo titular figura no ámbito directo de confianza da secretaria de Alcaldía.
Apenas uns días despois da infracción, o 28 de agosto, a alcaldesa Sandra González asinou de puño e letra unha Providencia de Alcaldía dirixida ao ORAL ordenando o arquivo exprés desas catro multas. Para xustificar o perdón, o goberno local alegou uma suposta "confusión por obras na praza", un argumento que os propios axentes locais desmontaron tecnicamente por escrito con capturas de Google Maps que probaban que as obras de remodelación nesa zona foran rematadas e dadas por caducadas no 2025. A maiores, a mañá do 24 de agosto ordenouse a retirada inmediata de toda a sinalización vertical existente nese espazo de Taborda co gallo de camuflar a manobra.
Advertencias penais e informes técnicos
A portavoz socialista, Mª Violeta de Santiago, puxo contra as cordas á alcaldesa na sesión ao revelar os contundentes informes técnicos emitidos pola Policía Local ao fío do caso, onde se advirte de que o arquivo "carece de fundamento" e supón unha resolución "arbitraria". O axente ratificouse por completo nas multas e fixo constar no expediente a advertencia formal de que se podería estar incorrendo nun presunto ilícito penal de prevaricación (Art. 404 do Código Penal) e suborno (cohecho), sinalando a obriga legal de dar conta á autoridade xudicial competente.
Interrogada duramente por Mª Violeta de Santiago sobre se ía a soster a orde de arquivo e a directriz de parálise ao xefe de Policía malia estas advertencias técnicas, a alcaldesa fuxiu de dar unha resposta clara ante os veciños, escudándose nun evasivo "tomarei a decisión que vexa máis conveniente en función dos asesoramentos técnicos municipais".
"É un escándalo maiúsculo que a alcaldesa asine providencias para perdoar multas a dedo aos familiares do seu equipo de confianza mentres esixe rigor fiscal ao resto de tomiñeses", declarou Mª Violeta de Santiago ao peche da sesión. O PSOE esixiu a anulación inmediata da Providencia e a execución das multas, avisando de que o grupo municipal tomará as medidas que considere oportunas se o goberno local non restitúe de inmediato a legalidade democrática e a obxectividade na Administración pública.
Ningún comentario:
Publicar un comentario