Luis López asina co alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, unha achega de 1,1M€ para apoiar a rexeneración urbana do núcleo de Torneiros
• O presidente provincial recibe o rexedor e deputado provincial para selar un acordo no que a Deputación financia o 40% dun proxecto estratéxico valorado en 2,75M€ que marcará un antes e un despois nos servizos, nas infraestruturas e na imaxe deste núcleo
Infogauda/O Porriño
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina co alcalde do Porriño e deputado provincial, Alejandro Lorenzo, o convenio para a rexeneración urbana do núcleo de Torneiros. Un proxecto enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Lorenzo selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega un total de 1,1M€, a máxima contía á que podía aspirar o Concello do Porriño polo Plan Extra, para financiar o 40 % dunha obra valorada en case 2,75M que tamén dispón de financiamento da Unión Europea. Esta nova inxección de fondos provinciais permitirá a transformación dos espazos públicos nun dos puntos neurálxicos do municipio.
O proxecto ten como obxectivo a rexeneración urbana do núcleo de Torneiros a través da transformación do espazo público, impulsando unha rexeneración integral, creando espazos saudables e contornas accesibles. Prevense actuacións centradas na optimización da utilización do espazo e ordenación deste, mellora da accesibilidade peonil na contorna, delimitación das zonas de aparcamentos adaptadas aos usos existentes, mellora da seguridade viaria no ámbito e deseño de novas zonas axardinadas con árbores e mobiliario urbano. A actuación leva a cabo unha redistribución do espazo público e viario do núcleo de Torneiros, incrementando as áreas de prioridade peonil con especial énfase naqueles viarios nos que se localizan os centros educativos, o Multicentro de Torneiros ou o Centro Cultural Albela, así como a Rúa B, un dos principais eixos do núcleo urbano.
A sinatura deste acordo supón un novo paso adiante na colaboración da Deputación co Concello do Porriño, onde tamén están en marcha diferentes proxectos encamiñados tanto á mellora do espazo público, como de instalacións deportivas ou infraestruturas viarias.

Ningún comentario:
Publicar un comentario