O PSdeG PSOE de O Porriño levaba razón: A Dirección Xeral de Tributos confirma a exención do IVE das escolas infantís
• Os socialistas rexistraron o 17 de xullo unha instancia a Intervención municipal para realizar consulta e aclarar coa entidade a fiscalidade dos contratos adxudicados a empresas privadas, pola xestión das escolas de Budiño e Pontellas; deste xeito, O Porriño aforrará 700.000 euros
Infogauda/O Porriño
A Dirección Xeral de Tributos confirmou que o servizo das escolas infantís municipais adxudicadas en Xullo está exento de IVE, dando a razón á consulta rexistrada polo PSdeG do Porriño o pasado 17 de xullo de 2026.
Segundo os cálculos manexados polos socialistas sobre o impacto global da exención, esta decisión pode supoñer para O Porriño un aforro próximo aos 703.000 euros. Uns recursos que poderán permanecer nas arcas municipais e destinarse ás necesidades da veciñanza.
O expediente municipal fora tramitado aplicando un IVE do 21 %, pese ás dúbidas existentes sobre a fiscalidade deste tipo de servizos. Ante esta situación, o Grupo Municipal Socialista, advertiu no mesmo Pleno, antes de adxudicar esta situación e decidiu solicitar a través do servizo da Intervención municipal, un pronunciamento oficial da Dirección Xeral de Tributos. “Non queriamos opinións nin interpretacións políticas. Queriamos que falase o organismo competente e, Tributos, confirmou que tiñamos razón: este servizo está exento de IVE”, sinala o portavoz socialista, David Alonso.
Para o PSdeG, a consecuencia máis importante é que centos de miles de euros que inicialmente estaban vinculados ao pagamento deste imposto poden quedar agora no Concello. “Estamos falando de arredor de 703.000 euros. Son cartos dos veciños e veciñas do Porriño que poderán empregarse en saneamento, servizos sociais, ensino, deporte, mantemento das parroquias ou en calquera outra necesidade municipal”, explica Alonso.
Os socialistas consideran que é unha mostra de que non hai ninguén ao mando da área económica, da cal ten as competencias, Alejandro Lorenzo. Debe explicar por qué se lle pagaba a empresas privadas esta cantidade, a pesares dos avisos dos socialistas. “Cando se xestionan contratos de millóns de euros non se pode dar nada por feito. Hai que revisar cada cifra, cada imposto e cada condición porque estamos administrando cartos que non son do Goberno municipal, son de todos os porriñeses”, afirma Alonso.
O PSdeG reclama agora que o Concello incorpore o criterio de Tributos ao expediente, realice os axustes económicos e contables necesarios e faga público o impacto definitivo da exención. “Se a nosa consulta permite que arredor de 703.000 euros queden no Porriño en vez de destinarse a un imposto que non correspondía, ese é o resultado que importa. Agora esperamos que o Goberno municipal extreme moito máis o control sobre a fiscalidade e sobre cada euro dos veciños”, conclúe David Alonso.

Ningún comentario:
Publicar un comentario