26 de nov. de 2026

DEPORTES

ATLETISMO

De A Guarda a Belgrado: Álex Sierpes Pereira defenderá as cores de España no Europeo sub-20 de campo a través 2026 


 Álex Sierpes Pereira
Foto: Cedida

Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda

 O atleta guardés Álex Sierpes Pereira, actual integrante do Vicky Foods Athletics e formado na canteira da Sociedade Atlética do Trega (Tomiño), foi seleccionado para representar a España na categoría sub-20 masculina do Campionato de Europa de Campo a Través. A cita continental celebrarase o vindeiro domingo 13 de decembro de 2026 no circuíto do Parque da Amizade (Ušće), en Belgrado (Serbia). 

 A Real Federación Española de Atletismo (RFEA) decidiu incluílo na convocatoria oficial por criterio técnico. Este chamamento chega avalado pola súa gran actuación a pasada fin de semana no Campionato de España de Campo a Través por Clubs, disputado de xeito paralelo ao prestixioso Cross Internacional de Atapuerca (Burgos). Na proba burgalesa, Sierpes Pereira asinou un meritorio sexto posto na clasificación xeral sub-20 cun rexistro de 15 minutos e 9 segundos.

 A cita en terras serbias suporá a segunda experiencia internacional do deportista do Baixo Miño co combinado estatal. No seu debut previo coa selección, o atleta guardés xa demostrara o seu potencial ao conquistar a medalla de prata na proba dos 1.500 metros lisos durante o Festival Olímpico da Xuventude Europea, celebrado en Skopie (Macedonia do Norte). 

 En Belgrado, Álex Sierpes Pereira terá o mérito engadido de ser o atleta máis novo do equipo español sub-20 masculino. Compartirá convocatoria e representación nacional xunto con Adrià Boyano, Teo de Frutos, Álvaro González, Alejandro Ibáñez e Alejandro Muñoz. 

 Desde a súa contorna deportiva e familiar destacaron tamén o agradecemento aos concellos de Tomiño, A Guarda e O Rosal polo seu apoio e colaboración diaria, unha implicación institucional que consideran fundamental para que o mozo poida seguir progresando na súa carreira atlética de cara a esta nova cita internacional. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario