100.000 peregrinos no Camiño Portugués da Costa
• A ruta xacobea que pasa por Vigo supera a emblemática cifra tras crecer un 25%, a de maior incremento, respecto a 2025 nos dez primeiros meses do ano
Infogauda/Vigo
O Camiño Portugués da Costa alcanzou a emblemática cifra de 100.000 peregrinos en 2026 tras experimentar o maior incremento das rutas xacobeas nestes dez primeiros meses do ano. A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, celebrou o fito e destacou a afluencia de camiñantes á cidade e a importancia que ten para a economía local.
“É unha cifra estratosférica, un 25% máis que en 2025, cando houbo 90.000 peregrinos, pero o dato real é moito maior, posto que hai centos que non recollen a súa acreditación no Bispado de Santiago”, sinalou. Ortiz engadiu que “as estatísticas dan unha idea da importancia que ten o paso dos peregrinos por Vigo e a riqueza que supón para a nosa cidade”.
Segundo reflicten os números da Oficina do Peregrino, a día de hoxe recolleron a compostela un total de 100.209 peregrinos, moi por encima dos 89.503 de todo o 2025. Ademais, o de setembro de 2026 foi o mes de maior afluencia da serie histórica con 20.281. Por detrás, maio de este ano con 18.455, seguidos de setembro de 2025 con 16.071 e maio do mesmo ano con 15.225.
En cuanto á procedencia das persoas que realizan o Camiño da Costa, xa pasaron pola cidade, sempre segundo a Oficina do Peregrino, un total de 18.301 españois. Por detrás, estadounidenses (12.095), italianos (10.655), alemáns (9.074), polacos (5.234), portugueses (4.273), do Reino Unido (3.453), canadenses (2.650) e ucraínos (2.424). En canto á orixe das autonomías dos españois, encabeza o ranking Madrid (4.074), seguida de Andalucía (3.464), Comunidade Valencia (2.050), Castela A Mancha (1.659) e Cataluña (1.629).
Respecto do punto de partida dos peregrinos, os primeiros lugares na listaxe son Porto pola Costa (26.044), Vigo (24.787) e Porto por Tui (22.196). Xa a moita distancia, Baiona (11.201), A Guarda (3.444) e Viana do Castelo (2.794).

Ningún comentario:
Publicar un comentario