5 de out. de 2026

TUI

Tui acollerá o 5 e 6 de novembro o coloquio internacional ‘O Camiño Portugués. Pasado, presente e futuro dunha singular ruta xacobea’ 


A presentación do coloquio tivo lugar hoxe no Centro Internacional de Recepción de Peregrinos, en Santiago de Compostela
Foto: CdeT

Infogauda/Tui

 Tui acollerá o xoves, 5 e o venres, 6 de novembro o coloquio internacional ‘O Camiño Portugués. Pasado, presente e futuro dunha singular ruta xacobea’. Este evento reunirá na cidade a investigadores, estudosos de universidades de Galicia e Portugal, hospitaleiros, representantes das asociacións de Amigos do Camiño e especialistas de diferentes ámbitos do coñecemento.  

 A presentación do coloquio tivo lugar hoxe no Centro Internacional de Recepción de Peregrinos, en Santiago de Compostela. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro participou na presentación xunto ao director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles.  A cita está impulsada pola Xunta de Galicia, baixo a coordinación do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, e constitúe unha das actividades desenvolvidas no marco deste órgano, principal referencia científica internacional da Xunta en materia xacobea. Conta coa colaboración do Concello de Tui e da Diocese de Tui-Vigo.   

 A evolución recente do Camiño Portugués confirma a súa crecente relevancia, cun ritmo de crecemento na actualidade, cinco puntos. No que vai de ano, máis de 100.000 peregrinos percorreron o Camiño Portugués, un 13% máis, dos que 65.172 foron estranxeiros, o 65%. Entre os mercados internacionais destacan Portugal, cun 11%, Italia, cun 8,4%, e Estados Unidos, cun 7,7%. No conxunto do Camiño de Santiago, máis de 500.000 peregrinos recolleron a Compostela no que vai de 2026, un 8% máis que no mesmo período de 2025.  

 Durante as dúas xornadas, as sesións abordarán diferentes dimensións do itinerario, desde a súa historia e patrimonio artístico ata o seu desenvolvemento económico e a evolución da ruta e da hospitalidade xacobea. Terá unha especial presenza a catedral de Tui, coincidindo co seu 800 aniversario, así como a evolución e as perspectivas de futuro do Camiño Portugués en Portugal e Galicia.  O programa permitirá tamén analizar o papel da hospitalidade xacobea como manifestación representativa do patrimonio cultural intanxible e as posibilidades de crecemento desta práctica ao longo do Camiño Portugués.  

 A celebración do coloquio en Tui pretende poñer de relevo o papel histórico e actual da cidade como punto de conexión do Camiño Portugués e como enclave fundamental na relación entre Galicia e Portugal.  

 O coloquio celébrase nun momento especialmente relevante, na antesala do Xacobeo 2027, e enmárcase nos obxectivos establecidos no Plan Director dos Camiños de Santiago 2022-2027.  

 O coloquio está coordinado por Paulo Almeida, Melchor Fernández e Francisco Singul, membros do Comité Internacional de Expertos do Camiño do Santiago. Nas distintas sesións participarán investigadores, estudosos de varias universidades de Portugal e Galicia, hospitaleiros e membros de asociacións de Amigos do Camiño, especialistas de diversos ámbitos do coñecemento, que debaterán sobre o desenvolvemento da hospitalidade e o seu futuro, a historia e a arte desta ruta, con mención especial á catedral de Tui no seu 800 aniversario, ao desenvolvemento económico do Camiño Portugués, a evolución dos itinerarios e dos seus peregrinos, e as estimacións de futuro do Camiño de Santiago en Portugal e Galicia.  

 Como programa complementario, os participantes realizarán unha visita á catedral de Tui e ao arquivo diocesano e catedralicio da sede episcopal de Tui-Vigo. Ademais, o coloquio renderá homenaxe a unha muller, estudosa, peregrina e pioneira na promoción do Camiño Portugués: Maria da Graça Sánchez da Gama.  

 As persoas interesadas poden inscribirse no enderezo electrónico coloquio.camino.portugues@xunta.gal até o 31 de outubro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario