19 de out. de 2026

TUI

O Contacontos “Colorín colorete” de Charo Pita chega mañá á Biblioteca Municipal 

•  Será este martes, 20 de outubro, ás 17.30 h dentro da programación de “Outubro, mes da Biblioteca”  


Infogauda/Tui

 A Biblioteca Municipal de Tui continúa co seu programa de actividades de “Outubro, Mes da Biblioteca”. Este martes, 20 de outubro, ás 17.30 horas, está programado un contacontos para bebés a cargo de Charo Pita co seu espectáculo “Colorín, colorote”.  

 Charo Pita, actriz cunha ampla experiencia na narración oral, neste contacontos para bebés xoga co seu corpo e a voz para captar a atención, cambiando os tons de cada personaxe,  acompañando cada historia con xestos e pequenas cancións que invitan a participar ao público.  

 Como sinala a propia Charo Pita o espectáculo combina “as historias de Colorín Colorete, esa frase onde rematan todos os contos. As cancións de Colorín Colorete, o berce onde se arrolan todas as cantigas. Bicos de Colorín Colorete, o lugar onde se sementan todos os bicos. Contos, cantigas e bicos tan miudiños, pero tan tenros e rebuldeiros como os máis cativos da casa. Había unha vez.... un colorín colorete...”  

 A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, anima a participar nesta actividade da Biblioteca Municipal tudense especialmente pensada para bebés de 0 a 3 anos, na que os contos e as cantigas compartirán protagonismo con pequenas historias e xogos.  

 Este actividade forma parte do programa de dinamización de bibliotecas públicas, Ler Conta Moito, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario