20 de out. de 2026

TUI

Os sabores de outono centran este sábado as Xornadas Gastronómicas no Mercado de San Antonio 

• Dende ás 11 h poderanse degustar tres elaboracións coa cabaza, o lacón, o grelo e as castañas coma ingredientes  


A concelleira de Mercados e Comercio, Ana Núñez - no centro -, con María Purificación Correa, de Tui e o conciñeiro italiano Stefano Quarta, do restaurante Al Dente
Foto: CdeT

Infogauda/Tui

 Os sabores de outono serán os protagonistas este sábado, 24 de outubro, na terceira proposta das Xornadas Gastronómicas “Saborea o Mercado de San Antonio”. Tras o éxito rexistrado nos dous meses anteriores no que o mexillón e o bonito foron o ingrediente base dos platos agora é a quenda doutros produtos de temporada coma a cabaza, o lacón, os grelos e as castañas.   

 A partir das 11 h poderanse degustar tres elaboracións realizadas polo restaurante Al Dente: Risoto con cabaza e lacón; Lacón con grelos e Castañas confitadas con crema de mascarpone. O prezo da cada ración será de 6€.   

 Con esta iniciativa búscase pór en valor os produtos de temporada que se poden atopar nos postos do Mercado de San Antonio, ao tempo que a gastronomía serve tamén de reclamo para atraer a novos clientes á praza de abastos tudense que dende hai unhas semanas conta co selo de Mercado Excelente.   

 A concelleira de Mercados e Comercio, Ana Núñez, destaca a gran acollida que esta proposta gastronómica está a ter cada mes nunha aposta polo produto local e de temporada.  Anima a achegarse ao Mercado de San Antonio e gozar dos sabores do outono.

Ningún comentario:

Publicar un comentario