Reme Ortega, impulsora do Grupo Cultural San Roquiño, homenaxeada no VI Foro da Muller Rural Galega
• O encontro organizado por Galicia Suroeste recoñeceu o seu compromiso coa cultura e a participación veciñal a través do cine en Goián.
Infogauda/Tomiño
A cultura que nace da ilusión compartida e da implicación da veciñanza tivo un recoñecemento especial no VI Foro da Muller Rural Galega da man da emprendedora Reme Ortega, unha das impulsoras do Grupo Cultural San Roquiño de Goián. O encontro, organizado por Galicia Suroeste con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais, celebrouse o pasado xoves na Renovadora de Moscoso, en Pazos de Borbén, e distinguiu o labor de mulleres que contribúen ao desenvolvemento social, económico e cultural do rural.
Reme foi unha das persoas que puxeron en marcha esta experiencia hai arredor de quince anos en Goián, unha vila cunha forte tradición de asociacionismo e de colaboración veciñal. O que comezou como un grupo de amigos e amigas con ganas de facer películas deu lugar a sete filmes e numerosas curtametraxes, nunha iniciativa sen ánimo de lucro que reúne ata un cento de persoas nas súas producións. O grupo mantén o espírito próximo dunha familia á que cada vez máis veciños e veciñas queren sumarse.
A alcaldesa de Tomiño e presidenta de Galicia Suroeste, Sandra González, destacou o valor deste recoñecemento. «Reme representa a ilusión e o compromiso de tantas mulleres que dedican o seu tempo a poñer en marcha iniciativas que enriquecen a vida dos seus lugares. O que ela axudou a iniciar en San Roquiño permite que moitas persoas se acheguen ao cine, compartan o seu talento e se sintan parte dun proxecto común», sinalou.
González salientou tamén a importancia de visibilizar estas achegas: «As mulleres teñen un papel fundamental na vida cultural e asociativa do rural, pero ese traballo non sempre recibe a atención que merece. Este foro é unha oportunidade para agradecerlles a súa dedicación e para coñecer as historias que hai detrás de proxectos que significan tanto para a veciñanza».
A sexta edición do encontro reuniu representantes institucionais e homenaxeadas dos concellos de Galicia Suroeste, con traxectorias vinculadas a ámbitos como a cultura, o comercio, a hostalaría, a actividade agraria ou o asociacionismo. Durante a gala proxectáronse pezas audiovisuais sobre as súas historias de vida e deuse lectura ao Manifesto da Muller Rural Galega, que reivindicou a igualdade efectiva de oportunidades.
A xornada incluíu ademais un recoñecemento especial a Carmen Tellado, histórica cociñeira do colexio de Pazos de Borbén, pola súa dedicación á comunidade educativa e polo seu labor ao servizo de varias xeracións de nenos e nenas.
Desde o Concello de Tomiño trasladan os seus parabéns a Reme Ortega por esta distinción e fan extensivo o recoñecemento ao Grupo Cultural San Roquiño pola súa contribución a unha cultura aberta á participación da veciñanza.

Ningún comentario:
Publicar un comentario