Tomiño dá un novo paso na conservación e posta en valor de preto de catro décadas da súa historia municipal
• Máis de 2.600 rexistros permiten agora reconstruír boa parte da actividade do Concello e achegarse á transformación administrativa, territorial e social de Tomiño.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González - no centro - con membros do equipo humano que traballou no Arquivo Municipal do Concello de Tomiño
Foto: CdeT
Infogauda/Tomiño
O Concello de Tomiño vén de completar unha nova intervención no seu Arquivo Municipal que permitiu organizar 602 unidades documentais e describir 2.669 rexistros correspondentes ao período comprendido entre 1987 e 2025, dando un novo paso na conservación, control e posta en valor do patrimonio documental municipal.
O proxecto, desenvolvido co apoio especializado da consultora galega UNAYTA, abrangue unha parte significativa da documentación xerada polo Concello nas últimas décadas e ofrece unha ampla panorámica da evolución administrativa, territorial e social de Tomiño.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca que «o arquivo municipal garda moito máis que expedientes administrativos: nel está a historia de como fomos medrando, dos servizos que se puxeron en marcha e da vida das nosas parroquias. Coidar esta documentación é tamén coidar unha memoria compartida que debemos conservar e transmitir ás xeracións que veñen».
Detrás dos máis de 2.600 rexistros descritos atópanse documentos vinculados á actividade diaria da Administración local, desde sesións do Pleno, decretos da Alcaldía, contratación ou xestión económica, ata expedientes que permiten seguir a transformación do municipio a través do planeamento urbanístico, as licenzas de obras, a apertura e pavimentación de rúas e camiños, o abastecemento de auga ou as instalacións municipais.
O fondo recolle tamén outra dimensión da historia recente de Tomiño, a vinculada a súa veciñanza e á vida social do concello, con documentación sobre padrón municipal, festexos, cultura, deporte, educación, asistencia social, emprego, turismo, medio ambiente ou protección civil.
González salienta tamén a utilidade deste traballo para o funcionamento do Concello: «Ter a documentación ben organizada facilita a súa consulta e axúdanos a responder mellor ás necesidades da veciñanza. É un labor pouco visible, pero necesario para unha Administración máis áxil e para seguir avanzando na conservación do noso patrimonio documental».
O proxecto contou con varias liñas de actuación orientadas tanto á conservación física da documentación como á súa correcta organización e descrición. Nunha primeira fase revisáronse e acondicionáronse os expedientes, retirando elementos que podían prexudicar a súa conservación e substituíndo caixas e carpetas deterioradas.
A documentación foi posteriormente clasificada e descrita conforme ao Cadro de Clasificación do Arquivo Municipal e aos criterios normalizados NOGADA e ISAD(G). O proceso completouse coa identificación, signaturización e instalación definitiva das unidades no depósito municipal, entre as signaturas 6.711 e 7.313, así como cun control final de calidade dos rexistros incorporados.
Entre os principais resultados do proxecto destaca tamén a optimización do espazo dispoñible nos depósitos, xunto cunha organización máis eficiente da documentación, que facilita a súa localización e consulta e mellora as condicións para a súa conservación a longo prazo.
O traballo realizado deixa ademais unha folla de ruta clara para seguir avanzando: dar continuidade ao tratamento da documentación pendente —especialmente nas áreas de Urbanismo e Facenda— e avanzar progresivamente na dixitalización dos fondos máis antigos ou susceptibles de deterioración.
Con esta actuación, Tomiño consolida un Arquivo Municipal máis ordenado, accesible e preparado para o futuro, ao servizo tanto da xestión diaria do Concello como da preservación da memoria documental do municipio.

Ningún comentario:
Publicar un comentario