27 de out. de 2026

TOMIÑO

ADETO pecha «As cores do outono» cunha xornada especial de Samaín no comercio local  

• O venres 30 de outubro será o último día para entregar as tarxetas da campaña e participar no sorteo final, que se celebrará ás 20:30 horas. 

 

Gonzalo Lomba/Tomiño

 A Asociación de Autónomos de Comercio, Hostalería e Industria de Tomiño (ADETO) porá o broche final á campaña «As cores do outono no comercio local» este venres 30 de outubro cunha proposta especial inspirada no Samaín.  

 Durante esta última xornada, ADETO anima os establecementos participantes a sumarse ao tradicional Truco ou trato, ofrecendo un pequeno detalle á clientela e contribuíndo a crear ambiente nas rúas comerciais de Tomiño.  

 A xornada será tamén a última oportunidade para entregar as tarxetas completadas cos tres adhesivos de cores distintas obtidos nos comercios participantes. As tarxetas poderán entregarse ata as 19:00 horas en calquera establecemento participante, xa que o sorteo final dos tres vales de compra de 25 euros terá lugar esa mesma tarde-noite, ás 20:30 horas.  

 A campaña, iniciada o 15 de outubro, ten como obxectivo incentivar as compras nos negocios de proximidade e fomentar que a clientela descubra diferentes establecementos do municipio. A iniciativa conta tamén co Mapa do Outono Comercial, incluído no reverso das tarxetas, que permite identificar os negocios participantes e as cores que teñen asignadas.  

 Como acción complementaria, ADETO promove o reto fotográfico «As cores do outono en Tomiño», que convida a compartir imaxes relacionadas co outono e co comercio local. Entre as persoas participantes sortearase un vale de compra de 25 euros, tamén o 30 de outubro.  

 Con esta xornada de peche, ADETO busca reforzar a visibilidade do comercio de proximidade e animar a veciñanza a seguir descubrindo e apoiando os negocios locais.  

 «As cores do outono en Tomiño» é unha campaña de dinamización comercial cofinanciada pola Xunta de Galicia e o Concello de Tomiño. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario