Despedida institucional
Abel Losada despídese da Subdelegación do Goberno en Pontevedra agradecendo a colaboración do persoal, institucións e medios
• Losada destaca o diálogo coas 61 Alcaldías da provincia e pon en valor o traballo exemplar das FCSE e dos servizos da Administración Xeral do Estado: “Estamos en boas mans”
• O subdelegado enfatiza a protección ás mulleres vítimas da lacra da violencia machista: “Sen VioGén seríamos un país moito peor”
• “Quédame a satisfacción de marchar coas obras do nó de Bombeiros reiniciadas e coa emoción de ver a mozos e non tan mozos acampados reivindicando pacificamente o país que queren”
Infogauda/Pontevedra
Abel Losada despediuse hoxe do seu cargo como subdelegado do Goberno en Pontevedra cunha comparecencia ante os medios de comunicación na que revisou os case tres anos á fronte da institución e expresou o seu agradecemento ás persoas, administracións, medios de comunicación e entidades coas que colaborou durante esta etapa.
Losada explicou que o seu cesamento, con efectos desde hoxe, 20 de outubro, e a solicitude de reincorporación ao seu posto de traballo na Universidade de Vigo responden ao cumprimento das disposicións da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG) diante da súa incorporación a unha candidatura como cabeza de lista para as Eleccións Xerais do próximo 29 de novembro.
O subdelegado reivindicou o traballo diario das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, das Forzas Armadas, do Exército e a Armada e do persoal do centro penitenciario da Lama. Neste sentido, trasladou unha mensaxe de confianza á cidadanía: «Vivimos nunha das provincias máis seguras de España e estamos moi ben protexidos; hoxe sei directamente que estamos en moi boas mans».
Losada estendeu o seu agradecemento aos “61 alcaldes e alcaldesas da provincia”, con independencia da súa adscrición política, cos que destacou que mantivo unha relación de diálogo, contacto fluído e respecto institucional, sempre orientada ao interese xeral. “As loitas partidistas teñen sempre un perdedor, que é a cidadanía”, afirmou.
Balance de case tres anos de xestión
No balance da súa etapa, Losada puxo en valor a coordinación e a resposta dos servizos públicos ante situacións extraordinarias, como o apagamento eléctrico, así como o desenvolvemento con normalidade das numerosas manifestacións celebradas na provincia. Gabou tamén o compromiso dos axentes da Garda Civil, Policía Nacional e do Exército desta provincia durante a DANA de Valencia.
O subdelegado destacou especialmente o traballo desenvolvido na “protección das vítimas da violencia machista” e defendeu a importancia do sistema VioGén, que cualificou como imprescindible, a pesar de que a veces se critica con frivolidade. “Sen VioGén seriamos un país moito peor”. Ademais fixo un recordo das vítimas da violencia machista en toda España nos 34 meses que estivo á fronte da Subdelegación. “Celebramos máis de 120 minutos de silencio; hai xente que di que estes minutos non valen de nada, pero a min parecéronme dúas horas da vida moi ben empregadas”.
Recalcou que cesa coa satisfacción de ter contribuído ao recomezo das obras do nó dos Bombeiros en Pontevedra e tamén coa emoción de ver como “uns mozos e outros non tan mozos están aí acampados reivindicando pacificamente o país que queren”.
Losada concluíu a súa intervención expresando o seu desexo de que España continúe progresando e de que ese progreso chegue a tódolos habitantes e a tódolos territorios. “Só é progreso cando progresamos todos”, citou.
.jpeg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario