A CIG convoca folga xeral ante a suba dos prezos que empobrece a clase traballadora e a falta de medidas para unha vivenda digna
• A central ten convocadas asembleas de persoas delegadas este xoves, día 8
Infogauda/Galiza
A Confederación Intersindical Galega (CIG) decidiu hoxe convocar folga xeral en Galiza en resposta á “insoportábel” suba dos prezos que está afondar no empobrecemento da clase traballadora e á falta de medidas dos gobernos para garantir unha vivenda digna. Precisamente con este obxectivo a central sindical puxo en marcha a finais de setembro unha campaña con 10 propostas para reclamar que sexa o capital o que asuma as consecuencias da actual carestía da vida e en demanda dunha “vida digna” para a maioría social.
Por iso chama ao conxunto do tecido social e sindical á mobilización e a que se faga efectiva unha convocatoria de folga xeral na primeira semana de novembro para reclamar medidas que garantan de xeito inmediato o dereito a vivenda, a intervención nos sectores estratéxicos, a suba do SMI, unha maior protección social e o reforzo dos servizos públicos.
Dentro da campaña ‘A suba dos prezos que a pague o capital. Queremos vivir dignamente’ a CIG reclama que tanto a Xunta de Galiza como o Goberno do Estado inclúan nos orzamentos de 2027 un Plan de Choque no que se articulen unha serie de medidas para frear o deterioro das condicións de vida da clase traballadora por mor da suba xeneralizada dos prezos e para garantir o acceso a unha vivenda digna. “O medre constante e imparábel dos prezos da electricidade, dos combustíbeis, dos produtos de primeira necesidade e da vivenda está levando o pobo e as clases traballadoras á ruína; unha situación que empeora pola deterioración dos servizos públicos e o retroceso nas políticas sociais”, tal e como alertou o secretario xeral, Paulo Carril, no acto de presentación da campaña.
De igual xeito, a central sindical considera que as accións promovidas polo Goberno español en materia de vivenda e para conter a “insoportábel” alza dos prezos que ameaza con colapsar as economías das familias son “tardías, escasas e insuficientes”. Fronte a isto, defende unha maior intervención pública nos prezos e nos mercados considerados básicos, así como o reforzo dos servizos públicos e das medidas de protección económica. En canto á grave problemática da vivenda, aposta tamén pola intervención pública no mercado para limitar os prezos, evitar desafiuzamentos e aumentar a oferta de vivenda accesíbel, especialmente para as persoas con menos recursos.
Principais reivindicacións da CIG en materia de custo da vida e vivenda:
- Alimentación: prezos populares para os produtos básicos e prezos xustos para as persoas produtoras; medidas contra a especulación e contra determinadas empresas enerxéticas e do comercio alimentario.
- Vivenda: prohibición dos desafiuzamentos e protexer as persoas con dificultades para pagar o alugueiro ou a hipoteca e conxelación das rendas dos alugueiros e das subas de xuros hipotecarios.
- Vivenda social: posta inmediata das vivendas da SAREB a disposición de persoas e colectivos necesitados, límites máximos aos alugueiros dos grandes propietarios e creación dun Banco Galego de Vivenda para alugueiro social.
- Electricidade: creación dunha empresa pública galega de electricidade e dunha Tarifa Eléctrica Galega, xunto con cambios no sistema de prezos e na composición da factura.
- Combustíbeis: estabelecemento dun prezo máximo para gasolina e diésel mentres non se estabilicen os prezos.
- Mobilidade: reforzo do transporte público mediante máis frecuencias, horarios máis amplos, maior acceso aos descontos e ampliación dos traxectos gratuítos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario