López Campos erixe Galicia como unha "potencia e referente na creación artística contemporánea"
• O representante do Goberno galego salienta as iniciativas do Goberno galego para proxectar o talento existente na Comunidade
Infogauda/Santiago de Compostela
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, erixiu hoxe a Comunidade galega como “unha potencia e referente da creación contemporánea, reflectindo a contribución da arte á Galicia Calidade que proxectamos no mundo”. Fíxoo na visita á segunda edición da exposición Territorio Contemporánea, unha proposta que se enmarca no programa Aberto26, que conta co apoio da Xunta e pode verse no Centro Obra Social ABANCA de Santiago de Compostela ata o 27 de marzo.
Neste senso, o representante do Goberno galego puxo en valor que esta programación permite achegarlle á cidadanía “as máis recentes creacións de vangarda de dentro e fóra da Comunidade”. Precisamente, apuntou que na mostra Territorio contemporánea, impulsada por ABANCA e Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia, dialogan unha “ampla variedade de linguaxes plásticas, que demostran tanto a riqueza como a calidade dos creadores galegos”.
Por este motivo, considerou primordial o apoio do Goberno galego á programación como Aberto26 que, con este tipo de exposición colectivas, “favorecen a difusión do traballo de creadores galegos, ao tempo que darlle pulo á actividade que desenvolven as galerías de arte, coas que mantemos unha constante colaboración”.
Precisamente, o conselleiro apuntou como “claro exemplo” deste compromiso da Xunta tanto o apoio á programación de Aberto26 como ás axudas que convoca cada ano para a participación de galerías de arte en feiras e certames fóra da Comunidade. Ao respecto, o titular de Cultura puxo en valor este apoio por parte da Administración autonómica pola súa contribución a “incentivar a actividade artística das entidades que traballan no sector e que desempeñan un papel relevante na divulgación da arte contemporánea, na produción dos artistas e na dinamización económica da cultura”.
Nesta mesma estratexia, situou a liña de traballo do Centro Galego de Arte Contemporánea, “cunha nova dirección que ten como obxectivo potenciar e internacionalizar aínda máis as e os creadores galegos, cun talento recoñecido e prestixiado dentro e fóra de Galicia”.
Segunda edición de ‘Territorio Contemporánea’
Igual que na súa primeira convocatoria, o proxecto articulado entre ABANCA e a Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia estrutúrase en dous bloques expositivos, que abordan a creación actual e a súa conexión coa historia da arte recente. Na primeira parte da mostra, exhíbense propostas de nove galerías e nove artistas contemporáneos que exploran liñas temáticas como a paisaxe, a memoria, o corpo, a arquitectura ou o territorio.
Precisamente, na exposición pode verse desde a explosión cromática de Francisco Mendes Moreira (Galería Trinta) ata o branco e negro da fotografía documental de Anna Turbau (Galería Nordés), pasando polas liñas impecables de Héctor Francesch (Galería Moret Art), as xeometrías das instalacións de Román Corbato (Galería Néboa), a nitidez pictórica de Hugo Alonso (Galería Dupla) ou as composicións de Enrico Della Torre (Galería Vilaseco), Juan Adrio (Galería Luisa Pita), Tamara Feijoo (Galería Marisa Marimón) e Gabriel Borba Filho (Galería PM8).
O segundo bloque, situado no primeiro andar, propón un cruzamento de miradas e fíos invisibles entre obras procedentes dos artistas destas galerías e pezas emblemáticas da Colección de Arte ABANCA. Así, hai obras de Xurxo Gómez-Chao (Moret Art) e Antía Moure e traballos de Alberto Odériz (Nordés) que dialogan cos lenzos de Darío Basso.
Así mesmo, a mostra establece diálogos visuais entre creadores como Lara Pintos (Galería Dupla) e Rubén Ramos Balsa, Luis Gabú e David Planas (Galería Luisa Pita), Pedro Proença (Galería Marisa Marimón) e Urbano Lugrís, Carlota Pereiro (Galería Néboa) e Berta Cáccamo, Florentino Díaz (Galería Trinta) e Miguel Ángel Campano ou Iris Schomaker (Galería Vilaseco) e Óscar Domínguez.

Ningún comentario:
Publicar un comentario