19 de out. de 2026

BUEU

A Xunta e a Universidade de Vigo completan a última intervención arqueolóxica na illa de Ons co achado de novos restos castrexos 

•  O principal descubrimento durante os traballos desenvolvidos no mes de outubro foi un muro de aparente cronoloxía castrexa fóra da muralla do castro de Castelo dos Mouros, onde ata o de agora só se atoparan restos de época romana 


Este outono retomáronse os traballos e, ademais de confirmarse a existencia dun edificio de época romana, localizouse un muro de aparente cronoloxía castrexa baixo os niveis de uso da estancia romana
Foto: XdeG

Infogauda/Bueu

 A Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo (UVigo) completaron hai uns días a súa última intervención arqueolóxica na illa de Ons coa descuberta dun muro de aparente cronoloxía castrexa fóra da muralla do castro do Castelo dos Mouros, onde ata o de agora só se atoparan restos de época romana. Son, polo tanto, os primeiros achados de restos castrexos localizados no exterior do castro.  

 O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo (GEAAT) pon fin así á segunda fase duns traballos iniciados o pasado mes de maio e que estivo centrada, neste caso, tanto en concluír a intervención arqueolóxica, como en tarefas de conservación do xacemento.  

 Promovidas co financiamento da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, as escavacións da pasada primavera ao leste da zona fortificada permitiron avanzar no coñecemento da ocupación romana no exterior do castro. Para darlle continuidade, este outono retomáronse os traballos e, ademais de confirmarse a existencia dun edificio de época romana, localizouse un muro de aparente cronoloxía castrexa baixo os niveis de uso da estancia romana, achado que constitúe a gran novidade desta segunda fase.  

 Neste sentido, desde o equipo investigador consideran que será preciso continuar os traballos en próximas campañas para verificar como se configura a ocupación neste espazo, xa que o descubrimento reforza a hipótese de que esta área do Castelo dos Mouros contou cunha ocupación continuada e complexa.  

 Ademais, as escavacións do GEAAT centráronse este ano na terraza intermedia do castro, onde localizaran previamente estruturas da Idade de Ferro. Nas últimas semanas, continuouse coa escavación da cabana localizada en 2025, que tamén permitira identificar a existencia doutras tres vivendas, só escavadas parcialmente.  

 En concreto, completouse a escavación da maior destas construcións, unha vivenda ampla que conserva no seu interior unha posible estrutura de combustión central, interpretada como lareira, e outra estrutura formada por laxas fincadas, cuxa funcionalidade segue a ser obxecto de estudo.  

 Os traballos acometidos nesta área permitiron tamén documentar a existencia dun novo muro de planta curva, o que eleva a cinco o número total de vivendas detectadas na terraza intermedia, o que confirma para os investigadores a intensa ocupación deste sector durante a Idade de Ferro.  

 Cómpre lembrar que as diferentes escavacións realizadas polo equipo de arqueoloxía do GEAAT desde 2021, da man da Consellería, permitiran constatar que o Castelo dos Mouros fora un enclave densamente habitado durante nove séculos, con estratexias de poboamento diferentes. Nese senso, os achados das campañas previas amosaban que os castrexos ocuparon os espazos do interior da muralla, mentres que os asentamentos romanos concentráronse na súa parte baixa, estendéndose pola ladeira que descende ata a praia do Canexol, onde se identificaron restos de fábricas de salga de peixe.  

Unha campaña con vertente divulgativa 

 A dirección científica das sucesivas campañas arqueolóxicas en Ons recae no profesor Adolfo Fernández, aínda que esta última intervención foi dirixida in situ por Alba Rodríguez. Nela participaron, ademais, outros arqueólogos do GEAAT e dous estudantes de doutoramento, un equipo que contou como en ocasións anteriores co apoio loxístico e a colaboración dos axentes e vixiantes do Parque Nacional.  

 A campaña péchase cos traballos de conservación das estruturas descubertas por parte dun equipo de restauración, o que permitirá tanto garantir a preservación do castro, como facilitar a continuidade das investigacións arqueolóxicas e contribuír ao futuro proceso de musealización e valorización do xacemento.  

 Ademais, esta última campaña tivo como singularidade que sumou aos traballos de escavación e restauración unha vertente formativa e divulgativa. Por unha banda, o equipo de arqueólogas e arqueólogos do GEAAT compartiu parte dunha das súas xornadas de traballo con 60 novos guías especializados no Parque Nacional, que completaron este mes un curso promovido pola Xunta. Ao mesmo tempo, o xacemento foi visitado polo alumnado da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario