O Partido Socialista defende que se estude a seguridade viaria na N-555 para “actuar alí onde sexa necesario”
● O deputado do PSdeG Luis Piña sinalou no Congreso a necesidade de prestar especial atención ao primeiro tramo, no que se produciron diferentes accidentes nos últimos anos
Infogauda/Redondela
O deputado socialista Luis Piña defendeu onte mércores, 23 de setembro, no Congreso a necesidade de impulsar unha análise da seguridade viaria na estrada N-555, en especial no seu primeiro tramo, onde se rexistraron varios accidentes graves ao longo dos últimos anos. Piña sinalou que non se trata dunha vía calquera “para que viven en Redondela e nas parroquias de Cedeira, Santo Estevo de Negros, Cabeiro e Vilar de Infesta”, por exemplo, e explicitou que a posición do Partido Socialista é “escoitar a súa preocupación, analizar a estrada e actuar alí onde sexa necesario para mellorar a seguridade”.
O parlamentario do PSdeG expresouse así no transcurso da Comisión de Seguridade Viaria, durante o debate dunha iniciativa a través da que o PP pretendía confrontar respecto da N-555. Porén, o Grupo Socialista trasladou que, dentro das inspeccións específicas das estradas en servizo, procede identificar os puntos ou tramos con maior potencial de mellora, e deu por seguro que o Goberno actuará nese senso.
Apuntou tamén que os datos dispoñibles indican que a N-555 “non ten ningún tramo catalogado como de concentración de accidentes, mais iso non significa que non poidan existir necesidades”. Por iso, asegurou que, a partir dos resultados dos estudos, débense programar “as actuacións que tecnicamente resulten necesarias, atendendo a a súa incidencia efectiva sobre a seguridade viaria e a calidade do servizo”.
Con todo, asegurou que, mentres, “continúase traballando no firme, as marcas viarias, as barreiras, as rozas, a sinalización e os demais elementos funcionais”.
Piña lamentou que, logo de que o Grupo Socialista lle propuxese ao PP un acordo neses termos, a través dun texto “que permitise ofrecer unha resposta compartida”, os populares se negasen a aceptalo. “Aos veciños o que lles importa é que se actúe con responsabilidade e que esta estrada sexa cada vez máis segura”, subliñou o deputado do PSdeG.

Ningún comentario:
Publicar un comentario