O PP DE TUI DENUNCIA A “XESTIÓN CAÓTICA” DA RECOLLIDA DE LIXO POLA CONSTANTE PERDA DE AXUDAS MALIA O AUMENTO DOS CUSTES E A CONSOLIDACIÓN DA SUBA FISCAL POR RIBA DO 100%
• Os populares lamentan que o goberno quedase sen 64.000 euros do canon reducido de Sogama polos incumprimentos e sen 41.000 para adquirir contedores ao tempo que dispara o gasto na retirada selectiva
• O voceiro municipal, Nico Montes, engade que a calidade do servizo é mala, con contedores cheos e lixo por fóra en moitas ocasións, pese a que os veciños pagan unha das taxas máis altas con 150 euros por casa
Infogauda/Tui
O grupo municipal do PP de Tui vén de denunciar a “xestión caótica” do servizo de recollida de lixo tanto na calidade da prestación como nas cuestións económicas, que empeoran diariamente pola constante perdas de axudas doutras administracións malia o aumento dos custes e a consolidación dunha suba fiscal estratosférico aos veciños situada entre o 100% e o 300%.
Os populares concretaron que o estudo de custes cifra os gastos en 1.310.643 euros anuais, pero no pasado exercicio incrementáronse en 300.000 euros pola falta de medidas de contención e optimización, o que obriga a manter o brutal incremento da taxa, fixada por riba dos 150 euros por vivenda, que fora aprobada polo PSOE e o BNG en outubro de 2024.
Ao respecto, o voceiro municipal, Nico Montes, lembrou que ambas formacións “para tratar de xustificar esta medida contra os petos dos veciños” comprometéronse a revisar esta tarifas en caso de que aumentase a reciclaxe, diminuísen os gastos e ligada á aprobación dos orzamentos, “pero non se cumpríu ningún destes requisitos pola exclusiva responsabilidade de xestión do goberno socialista”.
Así, o edil popular lamentou a falta de medidas concretas, como a falta de licitación conxunta da recollida selectiva, cartón e papel e do punto limpo -algo que sucede desde o ano 2024 cun custe de máis de 100.000 euros anuais-, que permitiría unha importante rebaixa; o incumprimento das medidas para optar ao canon reducido de Sogama coa conseguinte perda de 64.000 euros; ou que se deixaran escapar 41.000 euros concedidos para a adquisición de contedores.
Pero a maiores, a situación pode empeorar en caso de que non se xustifiquen debidamente as achegas concedidas pola Xunta para o punto limpo fixo e as infraestruturas móbiles.
Ademais, Nico Montes tamén censurou a existencia de irregularidades na contratación da recollida selectiva, xa que gastáronse máis de 23.000 euros por tres meses de servizo malia ser un contrato menor que non podía superar os 15.000, tal e como se fixou na súa licitación, e o que orzamento da adxudicataria foi presentado con unha data anterior -nove días- á carta do alcalde ordenando a subcontratación do servizo.
Finalmente, o voceiro municipal do PP lamentou esta “terrible dinámica económica” na recollida do lixo por parte do goberno socialista que afecta ás arcas municipais e consolida que os tudenses paguen unha das taxas máis altas da provincia, ao tempo que, aínda por riba, a calidade do servizo sexa moi malo con contedores cheos e con lixo nas rúas en moitas ocasións.

Ningún comentario:
Publicar un comentario